Millón e medio de euros para levar a subministración de auga a 320 vivendas de Tomeza

Pontevedra
23 de novembro 2020

As obras para ampliar ao rural a rede de abastecemento de auga de Pontevedra chegan á parroquia de Tomeza. Será cunha actuación que, cun investimento de 1,5 millóns de euros, permitirá dotar de subministración a unhas 320 vivendas

Obras do núcleo de centralidade en Tomeza
Obras do núcleo de centralidade en Tomeza / Concello de Pontevedra

As obras para ampliar ao rural a rede de abastecemento de auga de Pontevedra chegan á parroquia de Tomeza. Será cunha actuación que, cun investimento de 1,5 millóns de euros, permitirá dotar de subministración a unhas 320 vivendas.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que estas obras forman parte das actuacións recollidas no contrato da auga asinado coa empresa Viaqua e supoñerá un investimento duns 4.856 euros por vivenda.

A auga chegará a Tomeza a través da ETAP de Lérez e servirase aos lugares de O Marco, Casal do Río, O Alcouce, O Pombal, Lusquiños, San Pedro e O Pobo.

Deste proxecto quedan fóra os lugares da Carballa, que será integrado na actuación prevista para Salcedo; e de Pumariño e Baladiña. Nestes dous últimos hai un problema de falta de presión, segundo Gulías. A pesar diso, estudarase dotarlles de auga con outras intervencións.

A obra de Tomeza, segundo o Concello, presenta "certa complexidade" porque afecta a un tramo de 2,5 quilómetros do Camiño Portugués, dúas estradas provinciais (a EP-0002 e a EP-0006) e ao xacemento da necrópole de San Pedro. 

Xa se están tramitando os permisos correspondentes, pero esta situación podería provocar atrasos na execución destes traballos, recoñeceu a portavoz do goberno municipal.

Aproveitando as obras do núcleo de centralidade de Tomeza, esta actuación comezou nun pequeno tramo no que hai cinco vivendas de Lusquiños, para evitar volver levantar o pavimento dúas veces no mesmo punto.