Miles de persoas piden na rúa que Pontevedra deixe de ser "unha área sanitaria de segunda"

Pontevedra
14 de novembro 2015

A manifestación convocada por SOS Sanidade Pública contou cun grande respaldo para solicitar á Xunta un hospital único en Montecelo e esquecer o "proxecto privatizador" de Monte Carrasco

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública
Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública

Amplo respaldo popular á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Pontevedra.

Miles de persoas saíron á rúa este venres para demandar a ampliación de Montecelo e a unificación de servizos coa intención de que Pontevedra deixe de ser "unha área sanitaria de segunda".

Entre as principais reivindicacións atopábase unha vez máis a de solicitar á Xunta que esqueza o "proxecto privatizador de Monte Carrasco", sinalou Anxo Rincón, portavoz da plataforma.

A marcha partiu minutos antes das 20:30 horas do Hospital Provincial, cunha pancarta na cabeceira na que se podía ler a "A sanidade pública non se vende, deféndese".

Asociacións veciñais, profesionais da sanidade, pacientes, sindicatos e partidos políticos apoiaron a mobilización, que concluíu ante a Subdelegación do Goberno.

Alí leuse un manifesto que lembrou a necesidade de acometer as melloras en Montecelo, un proxecto que cifraron en preto de 150 millóns de euros.

En canto á unificación de servizos, a proposta SOS Sanidade Pública para o Provincial pasa por manter funcións sanitarias pero centrar en Montecelo toda a atención hospitalaria.