Microbioloxía calcula que o 70% do virus na área sanitaria procede da cepa británica

Marín
23 de febreiro 2021

O xerente da área José Ramón Gómez afirma que o dato hai que "valoralo con certa reserva" durante a súa visita a Marín onde este martes se iniciaba o cribado máis grande realizado na comarca ao que están convocadas 12.763 persoas coa intención de detectar casos asintomáticos. A alcaldesa María Ramallo recoñece que non dá baixado a incidencia do virus na vila 

Cribado en Marín / Consellería de Sanidade

Antes do pico rexistrado a principios de febreiro, o servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) xa detectara a presenza en porcentaxes baixas da cepa británica do covid-19. Nas últimas semanas subiu con rapidez. O xerente da área sanitaria José Ramón Gómez afirma que desde Microbioloxía obsérvase que o 70% do virus que circula procede da cepa británica.

En todo caso, José Ramón Gómez afirma que son datos que hai que valoralos con certa reserva porque se trata dun estudo adaptado por unha serie de mostras tomadas xa que o departamento de Microbioloxía en Pontevedra e O Salnés carece do sistema para realizar secuenciacións e está a empregarse outro sistema tecnolóxico, ademais de enviar mostras a outros centros para que se desenvolvan esas secuenciacións.

En todo caso, o xerente insistiu en que non está demostrada maior mortalidade con esta cepa pero si un maior número de  contaxios. Lembrou que a vacina é o método eficaz para loitar contra o virus e engadiu a importancia da absoluta disciplina individual. "Cada persoa temos capacidade de influír na pandemia", afirma Gómez pedindo que se baixe a interacción social, empreguen a máscara, a hixiene de mans e a ventilación nas vivendas e espazos pechados. 

Utilizou como exemplo que o virus da gripe en anos anteriores provocaba unha expansión desta enfermidade con mesmo casos de falecemento na área sanitaria. En cambio, José Ramón Gómez indicou que este ano coa limpeza de mans e o uso da máscara deixou de haber casos numerosos de gripe.

Sinalaba que o problema das pandemias atópase en que as curvas soben rápido pero o descenso prodúcese de maneira lenta. De todos os xeitos, apuntou que a incidencia acumulada da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés atópase preto do baremo de 250 casos por 100.000 habitantes e os expertos entenden que pronto se producirá unha baixada.

Explicou que moitas das medidas que se adoptan en relación coas restricións acométense para protexer o sistema sanitario e garantir a atención das persoas que o precisan. "Na nosa sección de críticos non se está a producir a baixada. Vamos máis lentos", lamentouse coa confianza posta en que vaia normalizándose esta situación nas próximas semanas de maneira progresiva. "É difícil precisar cando sucederá", asegurou.

CRIBADO EN MARÍN

O xerente realizaba estas declaracións a Susana Ares, da Radio Galega, durante a súa visita a Marín onde esta semana realízase o cribado máis grande posto en marcha na comarca para tentar detectar persoas asintomáticas que estean a provocar contaxios sen sabelo.

Ao longo dos próximos días convocarase a 12.763 persoas para detectar casos de covid-19 a través de mostras de saliva. A alcaldesa María Ramallo recoñecía que o grao de incidencia en Marín é alto e non se produce unha baixada, situándose por encima de 400 casos por 100.000 habitantes. 

Ramallo sinala que se detecta que os brotes se producen en contornas familiares. Matizou tamén que o brote detectado na Escola Naval de Marín non contabiliza cos casos da poboación civil porque, no seu caso, realízase un control militar a través dun sistema sanitario específico. A alcaldesa asegurou que se trataba de casos asintomáticos e todos os positivos remitiron. Por outra banda, lembraba á poboación que tamén poden solicitar as probas en dez farmacias do municipio.

Luís López, novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, asistía tamén á carpa de cribados para animar á poboación para acudir a estas probas masivas para persoas que teñan idades comprendidas entre os 30 e os 65 anos, que non teñan unha PCR positiva nos últimos 90 días e que dispoñan de teléfono móbil para efectuar a citación e o resultado do  cribado por medio de SMS. 

Ata o venres, 14 profesionais repartirán o material para realizar as probas de saliva e o sábado finalizará a recollida de mostras que serán entregadas ao departamento de análise do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O resultado ofrécese nun período entre 24 e 48 horas. Se é negativo envían un SMS e, en caso de tratarse dun positivo, realízase unha chamada telefónica con indicacións por parte dos profesionais médicos.