México e Pontevedra estreitan lazos comerciais na feira Expopymes

Pontevedra
23 de agosto 2017

Unha decena de empresas de Pontevedra participan na primeira misión empresarial que acompaña ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha das súas viaxes internacionais. Apenas dúas horas despois de aterrar en Cidade de México, tras preto de 24 horas de viaxe, todas elas ocuparon o seu espazo na gran caseta que Pontevedra ten na feira Expopymes, un evento que reúne a máis de 300 pequenas e medianas empresas

Empresas que participan na misión comercial a México
Empresas que participan na misión comercial a México / PontevedraViva

Case 9.000 quilómetros separan Cidade de México, a capital do país azteca, das Rías Baixas. Pero esta semana ambas as dúas rexións están máis próximas que nunca, polo menos, comercialmente falando. Unha decena de empresas de Pontevedra participan na primeira misión empresarial que acompaña ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha das súas viaxes internacionais.

Apenas dúas horas despois de aterrar en México, tras preto de 24 horas de viaxe, todas elas ocuparon o seu espazo na gran caseta que Pontevedra ten na feira Expopymes, un evento que reúne a máis de 300 pequenas e medianas empresas e que se converteu, en tan só cinco anos, nunha das citas económicas máis importantes que se celebran no país.

Nesta ocasión, a feira céntrase nas oportunidades de negocio entre México e os outros dous países de Norteamérica -Estados Unidos e Canadá-, pero o xefe do goberno de Cidade de México, Miguel Ángel Mancera, ao que moitos sitúan como presidenciable nas próximas eleccións xerais, destacou a "importancia" da presenza de Pontevedra.

"Me da mucho gusto que estén acá en la Ciudad de México", sinalou aos xornalistas durante a súa visita á caseta de Pontevedra, unha das poucas paradas que realizou o gobernador mexicano antes da inauguración da feira.

A presenza de Pontevedra e das empresas locais será "fundamental", sinalou, para "estrechar lazos" de comunicación comercial e desenvolvemento entre as pequenas e medianas compañías de ambas as rexións e que en México, dixo, "es el generador económico más potente que tenemos en el país".

Miguel Ángel Mancera chegou á caseta de Pontevedra, un espazo de 90 metros cadrados no corazón da feira, acompañado de Fernández Lores, quen xunto co resto de autoridades internacionais, representantes dos gobernos estadounidenses de Nova York, Novo México, Illinois, San Antonio e Phoenix, presidiu a inauguración oficial.

Mentres o xefe do goberno de Cidade de México visitaba a oferta de Pontevedra en Expopymes, o alcalde relatou brevemente as bondades do modelo urbano da cidade e o potencial que ten o tecido empresarial da cidade.

Ademais, o presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, aproveitou a súa presenza para regalarlle unha camiseta desta ruta espiritual que atravesa as Rías Baixas. "Vi unha oportunidade e non o dubidei", explicou. Varios dos seus colaboradores tamén se interesaron polo material promocional dispoñible na caseta pontevedresa.

Na inauguración oficial, as autoridades mexicanas destacaron que a invitación a Pontevedra a esta feira débese ao seu exemplo como cidade "limpa e renovada" á que México "ten moito que ofrecer" desde o punto de vista turístico e comercial.

A intervención de Miguel Anxo Fernández Lores centrouse en lembrar que Pontevedra é un "referente" a nivel internacional na recuperación dos espazos públicos para as persoas, unha transformación "radical" que, segundo o alcalde, foi referendada por múltiples premios en todo o mundo e que permitiu apostar polas empresas locais.

Moitas delas, sinalou, "tentan abrir negocio e situarse internacionalmente", polo que se mostrou confiado en que "aproveiten" esta experiencia e establezan "lazos de actividade económica" con compañías mexicanas. Ademais, suxeriu a posibilidade de que, en función do éxito desta misión, póidase asinar un convenio estable de colaboración entre Pontevedra e Cidade de México.

PRIMEIROS CONTACTOS DAS EMPRESAS

Nove empresas e dous organismos públicos -Visit Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés- participan nesta feira Expopymes ata o vindeiro venres 25 de agosto. Todas elas tiveron xa os primeiros contactos con provedores e compañías mexicanas para tratar de establecer alianzas comerciais que sexan beneficiosas para ambas as partes.

Cada unha delas ten o seu propio espazo dentro da caseta de Pontevedra, decorada con imaxes de espazos emblemáticos da cidade e na que se proxectan de forma continua varios vídeos promocionais.

COVSA, Setga, Global Retail (Krack Zapaterías), Galventus, Matriuska Producciones, O Eirado da Leña (Grupo Iñaki Bretal), O Graneiro de Amelia, Yatecomeré e TokApp son as empresas que participan nesta misión comercial a México.

Arquivado en