Pontevedreses, non esteades tristes. Ravachol xa non está entre nós, pero marchou feliz. Un ano máis, o Entroido animoulle as súas últimas horas de vida. Non volverá ata o ano que vén, pero déixanos unha petición: seguir de festa ata novo aviso.
E iso comezaron facer os centos de pontevedreses que, onte á noite, asistiron ao tradicional velorio e incineración do popular loro, o personaxe por excelencia do entroido en Pontevedra. A pesar da choiva débil pero constante que caeu na cidade, a Boa Vila puxo o broche de ouro a oito días de festa, retranca e moita diversión.
Atrás quedan o desfile, a Noite Pirata, o concurso de murgas ou a Mostra da Parodia. E como non, o enterro de Ravachol, que como mandan os canons foi incinerado na praza da Ferrería.
Fíxoo acompañado dun cortexo fúnebre que, tras velalo na Praza da Verdura durante a tarde, percorreu as rúas San Román, Ferrería, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Isabel II, Real, Sarmiento e Pasantería.
Ademais do séquito, a despedida do loro contou coa participación das comparsas Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña.
A festa, en moitos casos, continuou ata ben entrada da madrugada. Non era para menos. Comeza a conta atrás para o Entroido 2018. Haberá que ir pensando xa os novos disfraces.