Dos creadores do Metrominuto, chega o Metrosán. Unha rede de roteiros de sendeirismo que suman máis de 70 quilómetros lineais por diferentes espazos urbanos, rurais e naturais coas que o Concello de Pontevedra aspira a fomentar a actividade física entre toda a poboación.
"É unha rede de rutas como non hai en ningunha outra cidade de Galicia e seguramente do Estado", asegurou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación desta iniciativa. O tenente de alcalde está convencido de que Metrosán converterá á Boa Vila "nun referente nacional e internacional de como se pode transformar una cidade nunha instalación deportiva en si mesma. "A máis grande instalación deportiva que ten Pontevedra é Pontevedra".
Ademais do amplo armazón de roteiros, os máis de vinte tótems diseminados polos diferentes percorridos ofrecerán actividades deportivas complementarias para realizar un adestramento o máis completo e saudable posible.
"Pontevedra é unha cidade moi chaira, saudable e deportiva. Xa fixeramos aqueles percorridos da San Silvestre que gustaron e agora propoñemos facer diferentes percorridos por Pontevedra, e accesibles tanto para o que se inicie ou xa faga deporte", explica o atleta Víctor Riobó que, xunto a Santi Ferrer, colaborou co departamento municipal de Deportes na elaboración da rede.
Cada un destes tótems inclúe o seu propio "fitpoint", unha estación que ofrece aos deportistas "unhas pautas básicas de exercicio adaptadas a distintos niveis de actividade. Ademais do exercicio aeróbico é moi importante traballar a musculatura: hai bloques de movbilidad articular, de exercicios de forza utilizando o mobiliario, o chan ou o peso corporal; e outro de estiramentos", engade Ferrer.