Este luns entra aire frío e o martes outra borrasca

Pontevedra
06 de xaneiro 2025
Actualizado: 9:38

O martes o achegamento dunha nova borrasca situada entre Azores e o noroeste peninsular deixará un día de ceo cuberto con precipitacións de oeste a leste da comunidade.

Persoa baixo a chuvia
Persoa baixo a chuvia / Mónica Patxot

O día de Reis estará marcado pola inestabilidade atmosférica e a entrada de aire frío.

Así o indica a previsión de Meteogalicia que sinala que a deste luns será unha xornada de ceo parcialmente nubrado e chubascos xeneralizados, máis frecuentes e intensos durante a mañá e de carácter máis ocasional pola tarde. ´

A cota de neve estará situada arredor dos 1.100 metros.

As temperaturas sufrirán un moderado descenso, máis acusado en zonas altas do interior de Pontevedra.

O vento soprará moderado do noroeste-oeste en xeral.

O martes o achegamento dunha nova borrasca situada entre Azores e o noroeste peninsular deixará un día marcado pola configuración do suroeste. Deste xeito, teremos un día de ceo cuberto con precipitacións de oeste a leste da comunidade.

As chuvias serán máis persistentes na metade oeste na madrugada do mércores 8. As temperaturas mínimas non terán cambios e as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará forte do suroeste co refachos superiores aos 80 km/h no litoral e zonas altas.

Xa para o mércores unha nova borrasca situada ao oeste de Francia collerá a Galicia dentro do seu radio de acción.

Deste xeito, será un día de ceo parcialmente cuberto e precipitacións xeneralizadas con chuvias máis frecuentes e intensas na metade oeste do territorio. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso e as máximas non terán cambios significativos.

O vento soprará forte do suroeste con refachos superiores aos 80 km/h.

Durante esta semana que comeza non se agardan cambios no meteorolóxico en Galicia, coas baixas presións circulando no Atlántico. Isto quere dicir que as probabilidades de chuvia serán elevadas, con precipitacións máis cuantiosas nas comarcas atlánticas ata o venres.

A partir da fin de semana Galicia podería recuperar a influencia anticiclónica.