Do 27 de abril ao 1 de maio Pontevedra contará coa II edición de Mestizaxes, un festival gastronómico que xunta a nove restaurantes da cidade nunha carpa situada na Praza de España. O evento enmárcase dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro.
Cada un dos restaurantes preparará pratos típicos dun país, que poderán ser degustados polos alí presentes por un prezo que roldará os 5 ou 6 euros, segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.
Os locais hostaleiros que participarán nesta edición son Mahalo Poké (Hawaii), Lulo Gastrogrill (Colombia), La Culpa de la Gula (Corea), Arepa´s Gastro Bar (Venezuela), Xhuao (Estados Unidos), El Cafetín (China), Kenzo Sushi-Bar (Xapón), La Catrina (México) e Croquetería El Crack (Brasil).
Xunto a Yoya Blanco acudiron á presentación deste evento Ivan Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, e o deputado provincial Santos Héctor. A edil de Promoción Económica destacou o papel da Deputación para poder levar a cabo esta feira gastronómica.
Blanco explicou que Mestizaxes contará con encontros mestizos nos que se impartirán charlas. Posteriormente, os representantes de cada restaurante cociñarán os seus pratos típicos nas súas respectivas casetas.
Desde o Concello móstranse optimistas con esta segunda entrega, xa que explican que as cifras da primeira edición roldaron os 15.000 asistentes e un total dunhas 10.000 racións de comida vendidas.
O deputado Santos Héctor afirmou que "dende a Deputación seguiremos colaborando con iniciativas como esta". Doutra banda, destacou a importancia de ter unha gran variedade de cociña internacional na cidade.
Iván Puentes quixo unir o concepto de cociña internacional coa etiqueta de quilómetro 0, explicando que "iso é mestizaxe, pratos típicos doutros países que se practican en Pontevedra".
Ademais, o edil de Desenvolvemento Sostible afirmou que o evento contará con sesións de DJ ao mediodía "para facer máis agradable esa sesión vermú".
Puentes concluíu a súa intervención explicando que actualmente está en marcha o Plan de Sostenibilidade Turística en Destinos, polo que actividades como o festival gastronómico Mestizaxesforman parte deste plan para activar o motor turístico de Pontevedra.