O Concello de Poio ten previsto convocar a Mesa de Turismo para analizar os "excelentes datos" da tempada estival no municipio.
Esta Mesa reúne a máis de 20 representantes das actividades turísticas, administracións, grupos políticos así como o tecido asociativo e veciñal.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, salientou o compromiso do goberno local de contar con todo o sector para "seguir consolidando" este destino que definiu coma: sostible, internacional, desestacionalizado e de calidade, "referente turístico nas Rías Baixas".
Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, Poio tivo unha media de ocupación global do 75% nas 4.495 prazas de aloxamento dispoñibles, co dato destacado de agosto, no que a ocupación promedio superou o 93%, o que supón na práctica a "plena ocupación".
Ademais, as oficinas de información municipal atenderon nese período a 9.772 persoas, a gran maioría de procedencia nacional. Así mesmo, o turismo náutico foi outra fonte de boas noticias durante o verán, cun 87% de ocupación no Náutico de Combarro e un 100% entre o 15 de xullo e o 31 de agosto.
Na mesa tamén se darán a coñecer datos sobre as iniciativas impulsadas desde a Concellería nos últimos meses e que, segundo Cochón, tiveron "moi boa acollida", como as Xornadas de Emprendemento no Camiño, a Campaña "Verán Único", a Formación de Guías para Tambo e Combarro ou iniciativas gastronómicas como as Xornadas da Ameixa e o Tapea Poio.