Mercedes Milá e Mamen Mendizábal pecharán as xornadas das "mulleres que opinan"

Pontevedra
31 de maio 2022

O 10 e 11 de xuño volven a Pontevedra as sesións presenciais do Encontro de Mulleres Xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas'. Esta quinta edición leva o subtítulo de '4 anos e unha pandemia despois', tema que estará moi presente nos diferentes relatorios que terán lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

Carmela Silva, Susana Pedreira, Diana López e Victoria Alonso presentan a 5º edición de 'As mulleres que opinan son perigosas'
Carmela Silva, Susana Pedreira, Diana López e Victoria Alonso presentan a 5º edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' / Deputación de Pontevedra

O 10 e 11 de xuño volven a Pontevedra as sesións presenciais do Encontro de Mulleres Xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas'.

A pandemia obrigou a celebrar as pasadas xornadas de xeito online. Por iso, esta quinta edición leva o subtítulo de '4 anos e unha pandemia despois', tema que estará moi presente nos diferentes relatorios.

Susana Pedreira Buján, xornalista en Onda Cero e unha das creadoras deste evento xunto á escritora e colaboradora do diario Público Diana López Varela, explicaba que participarán un total de 18 xornalistas, once que se achegan ás xornadas por primeira vez e sete que repiten. Precisamente o feito de volver a contar con profesionais que participaron en anteriores edicións facilitará o diálogo sobre o que supuxo a pandemia para o xornalismo e as diferenzas con respecto ao momento da súa intervención anterior.

Dúas profesionais con longa traxectoria serán os nomes de referencia nesta edición: Mamen Mendizábal, xornalista e presentadora de televisión que acaba de rematar a primeira tempada do seu programa en La Sexta 'Encuentros Inesperados', pechará a xornada do venres coa conferencia Un encontro moi esperado; e Mercedes Milá, xornalista e presentadora de televisión con programas propios en Movistar+ como 'Scott y Milá' e 'Milá vs Milá', será a encargada de poñer o colofón a dous intensos días de relatorios o sábado coa conferencia titulada Mila vs. Milá. Sen complexos nin etiquetas desde 1974.

Debido a que o Teatro Principal se atopa en obras, a sede trasládase ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio que, dada a súa limitación, recoméndase que se realice a inscrición previa na páxina habilitada na web da Deputación de Pontevedra na seguinte ligazón: www.depo.gal/-/as-mulleres-que-opinan-son-perigosas. Esta inscrición permitirá obter un exemplar do libro Catro anos e unha pandemia, que a través de crónicas xornalísticas reflexiona coas protagonistas da primeira edición sobre o eco de ese evento.

'As mulleres que opinan son perigosas' poderá ser seguido desde a entrada do Edificio Castelao cunha gran pantalla habilitada. Neste espazo, a libraría Cronopios instalará unha mesa de venda de libros das diferentes relatoras que tamén asinarán exemplares dos mesmos.

Así mesmo, realizarase unha transmisión en streaming a través das canles da Deputación e o Concello de Pontevedra, institucións que a través dos seus equipos de Igualdade apoian este evento desde os seus comezos. Na presentación do mesmo, a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, manifestaba que "esta é unha edición moi especial. Temos un directorio de 62 mulleres que narran, opinan e teñen presenza propia, cun pensamento diverso e unha ollada propia ante temas actuais e relevantes que non adoitan ocupar as páxinas de opinión".

 

PROGRAMA

 

— VENRES 10 XUÑO

 

  • Horario de mañá
    • 11:00 h Inauguración coa presidenta da Deputación e co alcalde de Pontevedra
    • 11:30 h Perspectiva de xénero no xornalismo local. Carolina Sertal, xornalista en Faro de Vigo
    • 12:15 h 4 anos e 1 pandemia. "María Varela, Inma L. Silva e Diana López Varela
    • 13:00 h Sen tabús e con proximidade: falemos de depresión e enfermidade mental. Almudena Sánchez, xornalista e escritora, autora de Fármaco
    • 13:45 h Deporte feminino e olimpismo: a voz dunha pioneira. Paloma del Río, xornalista deportiva en RTVE

 

  • Horario de tarde
    • 17:15 h Actualidade e análise política: éxitos, frustracións e expectativas Estefanía Molina, xornalista e politóloga. Columnista en El País, analista en La Sexta, SER, TVE-24h e TV3
    • 18:00 h Arte, moda, feminismo e cultura: unha escritora de revista. Joana Bonet, xornalista e escritora. Opinión en La Vanguardia
    • 18:45 h Pausa/Descanso
    • 19:00 h Un encontro moi esperado. Mamen Mendizábal, xornalista e presentadora de televisión
      Presenta Ángeles Caballero

 

— SÁBADO 11 XUÑO

 

  • Horario de mañá
    • 12:00 h Opinión local e de provincias. Non hai fronteiras. Marta Otero, xornalista en La Opinión da Coruña e María Piñeiro, xornalista en El Progreso e no Diario de Pontevedra
    • 12:45 h Desencaixada: nacer en Ucraína, ser migrante e xornalista en España. Margaryta Yakovenko, escritora e xornalista en El País
    • 13:30 h Ver, oír e non calar. Ángeles Caballero, xornalista. Opinión en El Confidencial, La Sexta e Onda Cero

 

  • Horario de tarde
    • 17:00 h 4 anos e 1 pandemia. Marta García Aller, Fernanda Tabarés e Ana Pardo de Vera
    • 18:00 h Columnas e entrevistas: opinión con mirada propia. Luz Sánchez Mellado, xornalista en El País
    • 18:45 h Pausa/Descanso
    • 19:00 h Mila vs. Milá. Sen complexos nin etiquetas desde 1974. Mercedes Milá, xornalista e presentadora de televisión