Mercadiño solidario en Ponte Caldelas para axudar os afectados polos lumes

Ponte Caldelas
23 de outubro 2017

A Asociación de Veciños de Pazos de Borbén organiza este acto benéfico en colaboración con Cáritas. Será o sábado 28 no Pavillón Municipal de Chan da Barcia

Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas
Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A asociación de veciños Pazos de Borbén organizou en colaboración con Cáritas un mercadiño solidario que terá lugar o vindeiro sábado 28 no pavillón municipal de Chan da Barcia coa intención de obter fondos para axudar a aquelas persoas que sufriron os danos dos incendios da fin de semana do 14 e 15 de outubro.

A conta solidaria atópase aberta no Banco Pastor na conta de Cáritas co número ES98 0238 8290 7107 0061 5659. Será necesario consignar os apartado "Incendios" como concepto cando se faga o ingreso.

O diñeiro, segundo informa o Concello de Ponte Caldelas, será repartido dentro duns meses, unha vez que se resolvan as reclamacións relacionadas coas axudas oficiais das distintas administracións e dos seguros. Desta forma, quérense cubrir as necesidades de persoas que non teñen acceso a estas axudas ou que recibiron importes insuficientes para refacer as súas vidas.

O mercadiño celebrarase entre as 10.30 e as 19 horas. Poderanse comprar desde roupa ou mantas ata libros, mobles ou mesmo unha cadeira de bebé. O material foi doado por persoas de toda España durante a campaña que a asociación veciñal veu realizando a través das redes sociais, segundo informa o goberno de Ponte Caldelas.

Arquivado en