Mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta: "neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os vindeiros anos"

Pontevedra
31 de decembro 2023

Alfonso Rueda afirma na mensaxe tradicional de despedida de ano: "existen riscos que ameazan o marco constitucional que durante todo este tempo amparou o progreso de Galicia"

Mensaxe de fin de ano de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia / Xunta de Galicia

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, ofreceu a tradicional mensaxe de despedida do ano este domingo 31 de decembro de 2023 destacando diversos puntos relacionados coa actualidade do Estado e tamén da comunidade autónoma de Galicia.

Alertou de que "existen riscos que ameazan o marco constitucional que durante todo este tempo amparou o progreso de Galicia. A igualdade entre os cidadáns, os lazos de fraternidade que nos unen e a credibilidade do marco legal que nos protexe non deberían estar xamais en negociación".

Pediu á cidadanía "reforzar unidos unhas institucións que canalicen e amplifiquen a voz do noso pobo. As estruturas que fomos construíndo necesitan un mantemento constante para adaptarse á evolución dos tempos, e ser quen de dar resposta aos novos retos".

E referiuse tamén ás eleccións autonómicas previstas para o 18 de febreiro: "neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os próximos anos. Confío en que o debate sexa sempre construtivo, e que non se engada ruído ao día a día das galegas e galegos. Aínda que noutros lugares pareza algo excepcional, a política en Galicia non ten por que ser unha fonte de novos conflitos, senón que debería exercerse sempre como ferramenta para atopar solucións".

Relatou os avances que, segundo expuxo, acadou a comunidade autónoma durante os últimos tempos e, de cara ao futuro destacou as oportunidades que Galicia ofrece para a xente nova e mostrou a súa confianza "en que 2024 traia certezas ás persoas que neste ano padeceron os rigores da situación económica".