'Menemen' de atún ao estilo gourmet de Conservas Pescamar

Pontevedra
09 de febreiro 2019

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior ao dalgunhas carnes. O seu alto contido en Omega-3 beneficia a saúde do corazón e regula os niveis de colesterol e triglicéridos

'Menemen', receita tradicional turca
'Menemen', receita tradicional turca / Pixabay

Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña turca: o menemen. Este prato toma o seu nome do distrito de Menemen, na cidade de Esmirna. Trátase dun revolto de ovo e vexetais, ao que tamén se poden incorporar carnes secas.

Conservas Pescamar proponnos un menemen co toque especial que lle outorga a textura e o sabor dun dos seus produtos máis prezados: o atún claro.

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior ao dalgunhas carnes. O seu alto contido en Omega-3 beneficia a saúde do corazón e regula os niveis de colesterol e triglicéridos. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.

Para preparar un delicioso 'Menemen' de atún ao estilo gourmet de Conservas Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes (para dúas persoas):

- 1 lata mediana de atún claro en aceite de oliva Pescamar

- 1 pemento verde

- 1 cebola

- 2 tomates maduros

- 4 ovos

- Pirixel

- Sal e pementa

Preparación:

Cortamos a cebola en rodas finas e o pemento verde en anacos pequenos. Pasámolos pola tixola cun pouco de aceite ata que a cebola estea dourada.

Incorporamos os tomates, pelados, sen as sementes e cortados en dados. Tamén engadiremos o atún claro en aceite de oliva Pescamar, escoado e feito faragullas. Agregamos un pouco de sal e pementa.

Pasados poucos minutos, en canto os tomates comecen a abrandarse, rachamos os ovos directamente sobre a tixola e cunha culler de madeira remexemos para mesturar os ingredientes.

No modo tradicional de cociñar o menemen, o ovo debe quedar un pouco solto, sen chegar a callar.

Decoramos con follas de pirixel, aínda que tamén se pode optar pola menta ou o coandro, segundo gustos.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de “A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.