O Concello, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, levaron a cabo estes días unha serie de actuacións conxuntas no CEIP da Lama.
Cun investimento que rolda os 15.000 euros, adquiriuse unha varredora-pulidora para o centro educativo, pintáronse varias aulas, mellorouse a calefacción e a accesibilidade ao aseo do patio cuberto e reforzáronse as medidas de seguridade.
Así o explicou o edil de Educación, Daniel Vidal, tras realizar unha visita ao CEIP para supervisar os labores de reacondicionamento da caldeira e a calefacción.
En canto á varredora-pulidora, tratábase dunha vella reclamación da comunidade educativa e escolar, especialmente para dar servizo ao comedor, o salón de actos e os diferentes corredores.
Por outra banda o concelleiro recolleu as peticións da dirección do centro sobre as necesidades de impermeabilización da fachada posterior do edificio, o peche do recinto escolar e a instalación de dobre xanela para gañar en eficiencia enerxética, ademais de reforzar o compromiso municipal de implantar no colexio o 'Plan Madruga' para facilitar a conciliación dos veciños.