Melloras paisaxísticas e de seguridade para o Parque Maruxa Mallo, antes de 2022

Pontevedra
23 de setembro 2021

O proxecto da concellería de Desenvolvemento Sostible contempla a instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, ademais da eliminación da contaminación acústica mediante un peche perimetral anti sonoro. Tamén está previsto, entre outras accións, pintar a cancha de fútbol con renovación das porterías, instalación de papeleiras e creación de zonas de estancia

Plano de mellora do Parque Maruxa Mallo, na zona da Parda
Plano de mellora do Parque Maruxa Mallo, na zona da Parda / Concello de Pontevedra

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural presenta un proxecto para mellorar as zonas deportivas e verdes do Parque Maruxa Mallo, situado no barrio de A Parda, entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruxa Mallo. 

Está previsto investir 69.975 euros neste proxecto destinado a reforzar a seguridade e tamén potenciar paisaxísticamente a zona. O departamento que dirixe o concelleiro Iván Puentes anuncia a instalación dun valo de aceiro galvanizado e madeira, coa intención de evitar a caída de menores e adultos que utilizan a cancha de fútbol e camiñan pola zona.

Cambiarase o actual peche da pista deportiva por un sistema anti sonoro que eliminará a contaminación acústica, ademais instalaranse novas porterías e van pintar a superficie para a práctica de fútbol, baloncesto e outras disciplinas deportivas ao aire libre. 

O enxeñeiro de Montes, Diego Pereira, redactor da memoria valorada, considera necesario mellorar o valor da paisaxe deste parque moderno nunha zona urbana consolidada. Por este motivo, reformaranse os bancos, dotándoos de respaldo; instalarán papeleiras e substituirán a fonte que se atopa deteriorada. A intención é establecer un espazo de socialización para a comunidade veciñal. Iván Puentes indica que, debido aos danos que presenta a superficie do parque infantil, tamén se substituirá por outra

Tamén está prevista a recuperación dos carreiros que se prolongan nos arredores do parque. Toda a intervención conta cun prazo de execución dun mes e medio desde que se inicie e no proxecto establécese a creación de carreiros na zona norte do parque, dotación de céspedes adaptados ás zonas de uso cunha nivelación adecuada da base sobre a que se asintan.

Ante a falta de zonas de sombra, a concellería estuda a plantación de bidueiros nos xardíns da zona do parque infantil, mentres que na zona este de xogos plantaríase tipuana para que ofreza sombra no lateral da pista deportiva. Tamén están previstas outras especies nas zonas norte e sur. Segundo o concelleiro Iván Puentes serán "especies arbustivas e vivaces" que garantan a calidade paisaxística ao longo de todo o ano.

O proxecto, previsto para antes de 2022, propón a instalación dun sistema de rega automatizada mediante tubaxes soterradas, que se atoparía centralizado cun programador. 

Toda a reforma complétase con tres conxuntos de mesas con dous bancos corridos accesibles entre as árbores. Os bancos actuais instalaranse no interior da zona verde. Este mobiliario será pulido e dotado de  reposabrazos metálicos e respaldo de madeira. Tamén se cambiará a fonte de auga, que se atopa en mal estado, e instalaranse catro papeleiras en distintos puntos de acceso ao parque.