Vilaboa xa está mans á obra no seu obxectivo de seguir avanzando na recuperación de toda a contorna dun dos seus elementos patrimoniais máis senlleiros, o Forno do Cal.
Será coa mellora no acceso e no estacionamento, unha actuación que superará os 200.000 euros e da que o Concello só asumirá preto de 21.000. O resto sairá dunha nova achega económica a través do GALP Ría de Vigo-A Guarda.
Os traballos na Punta Travesada comezarán coa eliminación da zona de escombrera, transformando os entullos e restos de obra acumulados pola remodelación da N-554 en materiais reciclados que servirán de base para o acondicionamento do acceso.
Ademais, permitirán crear novos camiños e unha ampla praza diante do Forno do Cal.
Esta primeira actuación supón, segundo destaca o Concello, un maior aproveitamento da entrada, gañando espazo para zona de estacionamento garantindo unha maior seguridade viaria.
Será no 2025 cando se executen os traballos e se elaboren audioguías que tamén se almacenarán na web municipal con información que divulgue a actividade industrial deste forno.
Recollerá todas as súas particularidades, como o feito de que a mercancía para facer o cal chegáballe por mar para lograr unha produción intensa destinada sobre todo á construción.
A posta en valor do Forno do Cal comezou no ano 2022 coa recuperación deste elemento singular do patrimonio industrial de Vilaboa, un entorno que hoxe é xa escenario de encontros e actividades da veciñanza e dos centros escolares do municipio.
Na recuperación deste entorno, o Concello contou coa colaboración da empresa Pesca Puerta, propietaria da parcela, e da comunidade de montes de San Adrián que cedeu os terreos para acondicionar a zona que vai desde a Ponte de Rande ata a Punta Travesada.
Para o alcalde de Vilaboa, César Poza, a posta en valor deste espazo supón unha das prioridades en materia patrimonial para este mandato.