Luz verde á mellora de paradas de autobús nos accesos a Pontevedra polo norte

O Salnés
11 de marzo 2025
Actualizado: 7:47

Acondicionaranse os carrís para as paradas do autobús, mellorarase a accesibilidade e pavimentarase a contorna coa execución de sendas ou beirarrúas

Instalación dunha marquesiña
Instalación dunha marquesiña / Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 27 paradas de autobús que suporá un investimento autonómico que rolda os 635.000 euros.

Trátase da mellora das paradas de autobús na rede autonómica de estradas no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra.

É dicir, no seu percorrido polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei.

O executivo autonómico tamén deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nun total de 10 estradas de titularidade autonómica.

As actuacións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Ademais colocaranse marquesiñas deseñadas pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Consello da Xunta presidido por Diego Calvo
Consello da Xunta presidido por Diego CalvoXunta de Galicia

Esta intervención da Xunta é susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé nos vindeiros meses aprobar o proxecto construtivo e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións, para licitar as obras de cara a súa execución no ano 2026.

Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.

Estes proxectos forman parte do plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 millóns de euros para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.