Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron a media mañá deste venres 5 de xaneiro a Pontevedra dispostos a manter o último encontro cara a cara cos nenos da cidade antes de desfilar na tradicional Cabalgata de Reis e de empezar, xa pola noite, o reparto de agasallos por todas as casas do municipio.
Chegaron ao Pazo de Mugartegui en coche, seguidos dos seus camelos e da súa comitiva oficial para reunirse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e, a continuación, sentarse a escoitar as últimas demandas dos pontevedreses para esta noite de Reis.
Á súa chegada esperábanos xa varias decenas de nenos e pais, que facían cola na Praza da Pedreira para ter a oportunidade de sentarse no colo das súas Maxestades e charlar un intre con eles.
Para animar a espera antes de poder saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar, a praza animouse de confeti, trompetas e grupos de animación de rúa como zancudos ou paiasos.
Alén desta recepción, os Reis Magos participarán na cabalgata desta tarde, que iniciará o seu percorrido ás 18.00 horas desde a Avenida de Lugo, para logo percorrer Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, a rúa Michelena, a Praza do Concello e, finalmente, a rúa Alameda.
Así, mantense o percorrido habitual de todos os anos, percorrido no que participan centos de persoas animando e axudando a Melchor, Gaspar e Baltasar á hora de ofreceren caramelos e saúdos a todos os nenos que se acheguen até o trazado.
A comitiva festiva contará coa presencia e participación activa da Policía Local, os Bombeiros de Pontevedra, a charanga Airiños de San Martiño, Rivel Animación, Pablo Méndez Performance, o grupo Dúos Pontes, Barafunda, Art-Monium, Troula, o grupo folclórico Pola Vila e Os de Algures.
Ademais, haberá seis carrozas distintas (a carroza Barbie, a de Shrek, a de soldadiños de chumbo e, como non, a de cadanseu rei mago).