Ata oitenta hectáreas de monte arrasadas polo lume. É o cálculo que fixo o Concello de Meis tras os incendios que asolagaron o municipio este domingo.
Algúns focos seguen parcialmente activos, segundo o Concello, pero están controlados na súa totalidade.
O goberno municipal comprobou, xa coa luz do día, os danos nas zonas de Cabeza de Boi, As Pereiras, Fofán, Castiñeiras ou o Mirador de San Cibrán.
Foi despois dunha longa noite na que se mobilizaron todos os efectivos dispoñibles para axudar nas labores de extinción de todos os focos posibles existentes no concello.
Voluntarios de Protección Civil de Meis, en colaboración coas cuadrillas forestais da Xunta, bombeiros do Salnés, bombeiros de Sanxenxo, unha motobomba procedente do Grove, varias patrullas da Garda Civil de Poio e os propios veciños traballaron a reo para prestar a máxima axuda posible para a extinción dos lumes e impedir que chegara ás vivendas.
Desde o Concello movéronse tamén tractores con cisterna desde diversos puntos, ademais dun camión que fixo as veces de nodriza para as motobombas, o que permitiu que non se perdera tempo nos desprazamentos a puntos de carga.
Tras este episodio, o alcalde José Luis Pérez quixo mandar unha mensaxe de concienciación aos veciños para que limpen as leiras de mato, xa que aquelas que non estaban en condicións "foron nas que as vivendas correron un risco mais importante de queimarse e producir incluso danos irreparables para a vida dos nosos veciños".