Meis inaugurou este domingo a rúa que levará o nome de Alcalde Jorge Casal Pintos. Trátase da vía de acceso ao centro escolar de Mosteiro, un espazo no que o ex alcalde homenaxeado foi profesor. Ademais, esta rúa converteuse na primeira en asfaltarse cando Casal Pintos estivo á fronte do goberno local deste municipio.
Numerosos residentes asistiron a este acto ao que tamén se achegaron cargos políticos como a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda ou o delegado territorial da administración autonómica, José Manuel Cores Tourís.
Tamén se achegou a esta homenaxe o anterior presidente do Partido Popular e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.
Jorge Casal mostrouse moi agradecido ao actual grupo de goberno e aos veciños por este detalle "tan entrañable". José Luis Pérez, actual alcalde, encomiou a calidade humana, profesional e política do seu antecesor no cargo, que durante dúas décadas ocupou a alcaldía de Meis.