Meis dá a coñecer a programación de actividades previstas con motivo do 8M

O Salnés
27 de febreiro 2024

Son actividades que pretenden impulsar a igualdade de xéneros, promover a reflexión sobre os estereotipos que aínda persisten ou as causas que os orixinan e visibilizar a traxectoria no recoñecemento de dereitos cara á muller

Actividades do 8M en Meis
Actividades do 8M en Meis / Concello de Meis

O Concello de Meis deseñou un programa de actividades con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o próximo 8 de marzo.

Son actividades que pretenden impulsar a igualdade de xéneros, promover a reflexión sobre os estereotipos que aínda persisten ou as causas que os orixinan e visibilizar a traxectoria no recoñecemento de dereitos cara á muller.

Por quinto ano convoca un concurso escolar de carteis no que poderán participar alumnos e alumnas do CEIP Armenteira, CPI Mosteiro e das escolas infantís. O cartel gañador darase a coñecer o día 4 de marzo de forma que se colocará por todo o municipio como cartel do 8M.

Para o 1 de marzo está prevista a terceira edición da charla 'De muller a muller'. Será ás 19.30 horas na aula Grande do Centro Multiusos de Mosteiro. 

O mesmo 8 de marzo farase lectura de manifesto en varios horarios e lugares: ás 11.00 horas en Paradela, con alumnado e profesorado do CRA de Paradela, ás 12.00 horas na Praza de Abastos de Mosteiro coa comunidade educativa do CPI Mosteiro e ás 13.30 horas no CEIP Armenteira.

Farase unha repartición de adhesivos, cunha frase soada de Virginia Woolf. Ademais para toda a poboación instalarase unha mesa informativa onde haberá folletos, adhesivos, pulseiras e chapas conmemorativas.

O domingo 10 de marzo terá lugar a terceira andaina solidaria do 8M, será polo Roteiro da Pedra e a Auga con visita ao Mosteiro de Armenteira. Para completar, o 4 de abril no CPI Mosteiro ofrecerase aos e as estudantes de ESO un taller de estereotipos que impartirá persoal do CIM.

Arquivado en