Meis contratará oito novos traballadores durante nove meses

O Salnés
27 de febreiro 2016

O goberno municipal que encabeza o alcalde José Luis Pérez, tras analizar as principais carencias e necesidades de cada servizo decidiron ofertar unha praza de canteiro, dous albaneis, un electricista, un fontaneiro e tres operarios de limpeza

Traballadores
Traballadores / Mónica Patxot

Ata oito traballadores contratará o Concello de Meis nos próximos días. Forman parte dos contratos que se inclúen no Plan de Concellos da deputación provincial.

Os contratos, cuxo proceso de selección comezará en breve, terán unha duración aproximada de nove meses.

O goberno municipal que encabeza o alcalde José Luis Pérez, tras analizar as principais carencias e necesidades de cada servizo decidiron ofertar unha praza de canteiro, dous albaneis, un electricista, un fontaneiro e tres operarios de limpeza.

As persoas que queiran optar ás prazas deberán cumprir unhas serie de requisitos como estar desempregados e non ser perceptoras de prestacións ou ben selo das prestacións sociais destinadas a garantir as condicións mínimas de subsistencia económica. 

A selección de traballadores realizarase mediante un proceso transparente e aberto, buscando que poidan participar no mesmo o maior número de cidadáns, tras facer o Concello as solicitudes de persoal desempregado a través do Servizo Público de Emprego.