"A rebaixa dos investimentos para Galicia vai supoñer unha perda de entre 15.000 e 20.000 postos de traballo directo", afirmou o deputado no Congreso, Guillermo Meijón (PSdeG-PSOE).
Para Meijón "queda claro" que as políticas aplicadas polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy "en ningún caso apostan polo emprego". Unha cuestión que segundo denunciou "tamén está a pasar en Galicia" onde a pesar de estar transferidas as competencias en políticas activas de fomento do emprego "en ningun caso se aposta por un camiño distinto".
Meijón compareceu en rolda de prensa na sede provincial dos socialistas de Pontevedra acompañado do presidente provincial do PSOE, Antón Louro, para trasladar a súa opinión sobre as "preocupantes consecuencias" que ao seu xuízo poden provocar en Galicia a "caída investidora" dos Orzamentos Xerais do Estado.
O deputado pontevedrés apuntou que o Partido Popular acostumbra a presentar os seus presupostos "por fascículos" xa que, segundo dixo "primeiro presentan o engano, segundo son os presupostos da frustración e finalmente, o terceiro fascículo é o da desolación que é cando se comproba o grao de execución real destas cifras que segundo o socialista non andará moi lonxe do 51% do diñeiro presupostado".
Da "ineficacia e inxustiza" que segundo Meijón reflicten as contas do Estado preocupa especialmente o "castigo aos parados" que supón o recorte das partidas de prestacións para os desempregados (nun 6,6%) e de fomento do emprego (nun 34,6%).
Ademais citou a perda do poder adquisitivo para os pensionistas, que na provincia de Pontevedra, segundo os seus datos, representa unha cantidade superior aos 55 millóns de euros "aos que teriamos que sumarlle os 10 millóns de euros que teñen que aboar polo copagamento", engadiu.