2024 foi un ano especialmente intenso na Aula CeMiT de Cuntis, que aumentou un 14% o número de usuarios en relación co ano anterior.
Segundo o balance difundido polo Concello de Cuntis, entre os meses de xaneiro e novembro, 635 persoas participaron nas diferentes accións formativas, charlas ou exames desenvoltos nas dependencias.
Son 90 persoas máis das que participaron o ano anterior, cando foran 545 participantes. Por sexos, este 2024 foron 416 homes e 219 mulleres.
Esta aula, situada na Rúa Circunvalación don Aurelio, acolleu 128 iniciativas durante eses meses, 46 cursos e outras 72 divididades entre probas de diversa índola ou charlas. Todas estas propostas foron de carácter gratuíto.
Desde o Concello destacan a "boa acollida" que tiveron iniciativas como as convocatorias para permitir á cidadanía a obtención da Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).
Ademais, cobraron protagonismo as diferentes formacións presenciais levadas a cabo en colaboración co Banco de España, que versaron sobre o uso da banca dixital e sobre cuestións de seguridade.
Tamén este ano, o axente TIC responsable da Aula CeMIT e administrador da Aula Mentor de Cuntis, Víctor Manuel Galdo, foi un dos gañadores da primeira edición dos Premios Axentes TIC da Rede CeMIT de Galicia.
Cos datos deste 2024, a Aula CeMIT de Cuntis pecha a súa primeira década de funcionamento (inaugurouse en 2014) con preto de 6.000 usuarios e máis de 1.000 cursos e propostas formativas organizadas.
O Concello informa de que a aula permanecerá pechada durante o mes de decembro e lembra que para consultar a oferta de cursos, solicitar o uso das dependencias ou tramitar calquera outra dúbida, a veciñanza pódese poñer en
contacto co responsable deste servizo chamando ao 683147165 ou ben enviar un correo electrónico á dirección [email protected].