Medra o rueiro de Poio coa incorporación do camiño da Revolta, en Chancelas

Poio
09 de outubro 2023

A construción de varios proxectos residenciais fai necesario darlle "nome, numeración e entidade propia" a un ramal do camiño Urxeira, recuperando un microtopónimo tradicional

Rocío Cochón no Camiño da Revolta
Rocío Cochón no Camiño da Revolta / Concello de Poio

O rueiro de Poio contará en breve cun novo vial: o Camiño da Revolta. 

A Comisión Informativa de Urbanismo aprobará este martes a proposta da nova denominación para este camiño, que actualmente está integrado no Camiño Urxeira.

O novo vial sairá da intersección entre o camiño Urxeira e o camiño da Fonte, e transcorrerá en dirección sudoeste. Este cambio deberá ser referendado en Pleno, polo que se levará á sesión ordinaria de outubro e posteriormente comunicarase a institucións, organismos e empresas de servizos públicos así como ao Instituto Nacional de Estatística.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo e responsable da proposta, Rocío Cochón, a medida faise necesaria a consecuencia do desenvolvemento da zona, con varios proxectos residenciais en marcha ou programados "precísase unha nova rúa con nome, numeración e entidade propia porque Poio crece".

Para a edil, o cambio demostra "o atractivo do noso concello en xeral e de Combarro e Chancelas en particular para investir e para vivir". 

O cambio ademais beneficiará aos veciños, actuais e futuros, ao mellorar a claridade dos enderezos de cara a "cousas tan básicas como recibir visitas ou envíos postais".

Así, en canto o cambio sexa efectivo instalaranse placas coa nova denominación e facilitaranse todos os trámites para os residentes.

O nome do novo camiño supón ademais a recuperación do microtopónimo tradicional polo que se coñece a ubicación, tal como confirmaron distintos veciños da zona.