O Concello de Cuntis celebra que as campañas que periodicamente desenvolve para sensibilizar sobre a importancia da reciclaxe amosen resultados positivos, como reflicten os datos de recollida de refugallos de plástico no 2021.
Segundo as cifras que manexa Ecoembes, ao longo do exercicio de 2021 retiráronse dos contedores situados no municipio cuntiense 101.800 quilos de latas, bricks e envases plásticos de reciclaxe, o que supón un incremento do 6% con respecto a 2020. En canto a volume recollido, acadouse a cantidade de 95.720 quilos.
O mes de setembro foi o que maior volume rexistrou, con 10.300 quilos, seguido dos meses de verán, nos que máis afluencia de visitantes rexistra o municipio e nos que tamén se produce unha maior ocupación de segundas residencias.
Cuntis conta con máis de 300 contedores amarelos repartidos polo casco urbano e polas zonas rurais do municipio, cunha recollida periódica en todo o termo municipal. A reciclaxe dos plásticos, vidro e papel é un dos obxectivos da área de Medio Ambiente para reducir os custos de xestión dos refugallos e avanzar cara un sistema sostible. Ese é o reto do goberno que preside Manuel Campos, que periodicamente analiza os datos de reciclaxe no municipio para deseñar novas campañas e iniciativas, orientadas a escolares e á poboación en xeral, explicando a importancia de dar unha segunda vida aos artigos que van ao lixo.
SERVIZO DE RECOLLIDA GRATUÍTO
Cuntis conta ademais cun servizo de recollida de voluminosos a disposición dos veciños e veciñas que o necesiten. Os interesados só teñen que comunicar ao Concello, presencialmente ou a través dunha chamada ao 986 548 005, que precisan deste servizo de recollida e deixar os efectos dos que se queren desfacer xunto ao contedor máis próximo á súa vivenda o último mércores de cada mes.
A brigada municipal pasará a recollelo ao día seguinte, reducindo así as horas en que mobles, colchóns, xoguetes ou electrodomésticos, entre outros, afeen as rúas.