Close your eyes, inhale, exhale,...
Cos exames de xuño ao virar a esquina, a Escola Oficial de Idiomas puxo en práctica o proxecto 'Con calma' que fomenta a vida sa e os hábitos saudables para que os alumnos afronten as probas nas mellores condicións. Habilitaron un espazo verde nos corredores da EOI, con plantas, flores, coxíns e un céspede artificial sobre o que realizar as actividades.
Esta semana dedicárona ao Mindfullness para axudar aos alumnos para despexar a súa mente e relaxarse; en sesións anteriores o tempo dedicouse a clases de ioga e a fomentar a alimentación saudable.
A iniciativa é interdepartamental; estudantes de alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués reúnense entre clases durante 15 minutos e realizan unha sesión de meditación nas distintas linguas nas que estean matriculados.
O obxectivo ten dobre intencionalidade. Por unha banda, axudar aos alumnos para relaxarse a través da meditación, e por outro, practicar o idioma que están a aprender dunha forma entretida e nova.
Na sesión do mércores os alumnos de inglés realizaron exercicios de respiración e relaxación. Cando a práctica xa ía pola metade, o profesor repartiu bombóns entre eles, pero non para comelos, senón para focalizar a súa atención neles; no envoltorio, o son que produce cando se engurra, o cheiro do chocolate con coco,... Cando remataron, todos miraron ao profesor con cara de querer comerse o bombón, e el, entre risos, díxolle aos seus alumnos en inglés que podían comelo. Tras ese pequeno break, volveron ás súas clases de maneira máis tranquila and relaxed.