A Xunta reactiva desde este martes as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.
En concreto, no portal da internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha "queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras".
Mentres, aos interesados que chamen ao 012 para comunicar a queima preguntaráselles tamén ao respecto, para que confirmen se se trata do tipo de material e circunstancias indicadas e poder continuar co proceso de comunicación. Nesa liña, cómpre lembrar que a comunicación debe efectuarse con dous días de antelación.
A maiores, tamén se retoman desde este martes as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.
Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.
A nova Ley de residuos y suelos para una economía circular, que entrou en vigor o pasado mes de abril, recolle que "con carácter xeral non está permitida a queima de residuos vexetais xerados na contorna agraria ou silvícola" pero a Xunta entende que esta práctica pode realizarse sempre que o que arda sexa palla ou outro material non perigoso e para iso ampárase na propia normativa estatal cando sinala que esta restrición para as queimas non afecta a "outro material natural, agrícola ou silvícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen o medio ambiente".