Medio Rural crea 53 hectáreas de pastizais en Deán, Figueroa e Viduído

Cerdedo-Cotobade
05 de decembro 2017

A meirande parte da obra se acometerá neste ano e abre a posibilidade de máis proxectos similares en Cotobade

Pastizais
Pastizais / Concello de Cerdedo Cotobade

A Consellería de Medio Rural acaba de comezar a execución do proxecto de creación de tres grandes pastizais en zonas de monte de Deán, Figueroa e Viduído que suman globalmente 53 hectáreas e no que se invisten preto de 200.000 euros.

Esta actuación, que foi consensuada cos gandeiros destas zonas e que dá cumprimento ao compromiso do goberno local tras o saneamento e control de toda a cabana de reses por parte dos seus propietarios, vén a completar a rede de pastizais en todo o territorio de Cerdedo.

"Xa tiñamos actuado nesta materia na zona norte do municipio e quedábanos o centro e o sur, que son os beneficiarios desta actuación, polo que agora todo o territorio quedará cuberto coa existencia de grandes pastizais", explicou o tenente de alcalde, José Balseiros.

As obras, que alcanzan 33 hectáreas en Deán, 10 en Figueroa e outras tantas en Viduído, consisten no desbrozado do terreo, roturado, abonado, semente de pastos, peche perimetral con malla gandeira, construción de pasos canadienses e instalación de comedeiros e bebedeiros.

Coas mesmas acadarase o dobre obxectivo de crear grandes zonas de pasto para o gando para seguir apoiando ao sector primario e de limpeza de montes e zonas forestais, co conseguinte beneficio e mellora das accións de prevención de lumes forestais.

A actuación, que foi contratada a través de Seaga por medio dun procedemento aberto, vai ser unha realidade en poucos meses, xa que o 80% dos traballos teñen que estar executados antes de que remate o ano.

"Estamos moi satisfeitos deste proxecto, que foi acadado nunha xuntanza coa conselleira de Medio Rural a comezos do verán, porque ademais de importante estase realizando dun xeito moi áxil e a meirande parte estará feito neste mesmo ano", comentou Balseiros, que quixo incidir en que os pastizais "supoñen unha gran iniciativa para os nosos gandeiros e ademais permiten reducir o risco de lumes nunha zona sensible como a nosa".

Finalmente, anunciou que o executivo local está aberto a seguir extendendo este tipo de proxectos ao territorio de Cotobade, negociando os fondos necesarios coa Xunta, se hai interese por parte dos gandeiros desta contorna.