A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron este mércores un convenio de colaboración para realizar traballos de restauración na ponte de Pedre.
O acto, ao que tamén asistiu a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, serviu para formalizar unha actuación que suporá un investimento conxunto por ambas as partes de algo máis de 86.000 euros.
Os labores centraranse na limpeza vexetal e recuperación deste elemento patrimonial e da súa contorna.
A característica Ponte de Pedre é unha das estruturas medievais máis relevantes de Cerdedo-Cotobade, datada entre os séculos XII e XV.
Esta estrutura, que conta con 60 metros de lonxitude e tres arcos lixeiramente apuntados, presenta múltiples gretas e dilatacións entre os seus sillares, pondo en risco a integridade do monumento.
O contraforte de maior tamaño con 4,80 metros de ancho frontal e 3,25 metros de fondo, permanece derrubado desde hai anos, comprometendo a estabilidade do conxunto da ponte medieval.
Segundo denuncia Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, a deterioración non é recente senón que se remonta a unha roza realizada polo Concello en 2021, tras o cal non se executaron as necesarias accións de consolidación.