O Concello de Poio asinou coa Consellería de Medio Rural un convenio de colaboración para realizar obras de infraestruturas rural e pavimentar o camiño de Esperón a Xuviño.
Así se informou na Xunta de Goberno que se celebrou este martes, na que o alcalde Ángel Moldes recordou que "esta é unha das vías máis deterioradas que hai no municipio, e polo tanto era urxente e necesario actuar nela para mellorar a seguridade".
Con esta actuación, ademais segundo explicou, cúmprese outro dos compromisos adquiridos polo novo Goberno. "É unha vía municipal moi transitada e é un perigo nas condicións nas que está desde hai moitos anos" e por iso agradece a disposición de Medio Rural para levar a cabo este investimento.
Segundo este convenio, Medio Rural asume a realización das obras con cargo aos seus orzamentos, que contarán cun investimento de 48.145 euros.
O vial ten unha lonxitude de 807 metros. As obras contemplan primeiro a limpeza das marxes e cunetas de todo o trazado, e despois prevese a pavimentación de sobreanchos.