A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o vindeiro martes 503.603,10 euros en subvencións para financiar persoal municipal destinado a labores de compostaxe nos 43 concellos adheridos ao Plan Revitaliza.
Os municipios poderán contratar máis mestres compostadores cos que poder desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, segundo adiantou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
Os novos contratados xestionarán os centros de compostaxe comunitaria, revisarán e controlarán os composteiros individuais e atenderán e informarán á cidadanía sobre a compostaxe.
Trátase da segunda vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos. Nesta ocasión, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 21 novos mestres compostadores.
Eses postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza e simultaneamente convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.
Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres compostadores o primeiro ano. A subvención correspondente ao ano 2020 abarcará un período de 10 meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade ascenderá á cantidade de 503.603,10 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custo e o terceiro ano do 30%.
O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación das bases e do extracto no Boletín Oficial (BOPPO).