Medio milleiro de pontevedreses reciben alimentos na porta das súas casas

Pontevedra
23 de abril 2020

O programa Porta a Porta de Benestar Social atende a 169 familias grazas ao labor altruísta de traballadores do Concello, voluntarios de protección civil e empresas e entidades privadas

O servizo Porta a Porta do  Concello de Pontevedra atende a máis de 500 persoas
O servizo Porta a Porta do Concello de Pontevedra atende a máis de 500 persoas

O programa municipal Porta a Porta reparte caixas de alimentos a 169 familias vulnerables durante a crise sanitaria. Promovido pola concellería de Benestar Social e en colaboración co servizo de Deportes e o Banco de Alimentos, a iniciativa axuda a un total de 564 persoas e está a servir tamén para avivar a actividade de diversas asociacións locais que permanecían pechadas por temor ao Covid-19.

Ademais do abastecemento de alimentos, o departamento que dirixe Paloma Castro ocúpase tamén de dotar de equipos de protección individual aos voluntarios e da divulgación de información para previr contaxios. Así mesmo, mozos de Protección Civil colaboran agora con estas entidades para facer posible a entrega destes bens.

"Estas asociacións supoñen para nós unha sorte de ucis sociais estratéxicas. Máis de 1.000 familias de Pontevedra dependen delas en maior ou menor medida para distintos servizos, se se tivese que pechar por mor dalgún caso positivo un comedor social ou algunha desas organizacións, teriamos un problema semellante ao que se produciría pechando unha UCI hospitalaria, falando en termos sanitarios”, explica a edila socialista.

A posta en marcha desta iniciativa non sería posible sen a colaboración dos traballadores de Benestar Social ou do Servizo de Deportes, así como sen a solidariedade demostrada por moitas empresas ou institucións locais como o Banco de Alimentos, a Federación Galega de Balonmán ou a cadea de barberías Carlos Conde.

Con todo, o Concello tivo que dar de baixa a 46 familias beneficiarias deste programa por fraude, por non responder no seu domicilio ou por recibir alimentos e outros bens de dous ou máis sitios á vez, explican desde o Concello.