O Concello de Ponte Caldelas autorizou un total de 51 fogueiras para a noite máxica de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño, o que supón un crecemento notable sobre as 45 autorizadas o ano pasado. Ademais, outras 17 recibiron permiso para a noite de San Pedro, do 28 ao 29 de xuño.
O decreto asinado polo alcalde, Andrés Díaz, constata que todas as parroquias e practicamente todos os núcleos rurais terán a súa cacharela. Tan só tres solicitudes foron denegadas por non cumprir os requisitos esixidos. Todas as fogueiras están a nome dunha persoa, responsable do cumprimento das condicións.
As autorizacións foron concedidas de acordo co previsto na Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo que non se autoriza o lume en zonas de influencia forestal.
Ademais o Concello recalca que la autorización quedará automaticamente revogada en caso de risco extremo de incendio forestal, segundo a publicación do índice na páxina web da Consellería de Medio Rural. En caso de que o vento impida un control adecuado, deberá apagarse inmediatamente.
As fogueiras poden ter unha altura máxima de 2 metros e un diámetro de 4 metros. Deben situarse en zonas idóneas e cunha distancia mínima ás casas de 20 metros. Non poderá haber vehículos de tracción mecánica dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables.
Por outra banda, as cacharelas deben situarse en buracos o máis profundos posible e rodeados de pedra ou dunha pequena gabia. Ademais, os organizadores deberán ter a man mangueiras e extintores ou, polo menos, auga suficiente.
Outra das condicións atinxe aos materiais que está prohibido queimar, entre os que figuran nin as rodas, plásticos ou calquera outro material especialmente combustible, coa única excepción da madeira. Do mesmo xeito, está prohibido compoñer as fogueiras con papeis, cartóns ou ramallos de eucalipto, pois son susceptibles de producir faíscas que, co vento, incrementan o risco de propagación. A hora límite para rematar son as 3.30 horas.
O goberno local despregará durante as noites de San Xoán e San Pedro un operativo de seguridade que implica á Policía Local, en colaboración coa Garda Civil. Ademais manterá alerta á dotación do camión motobomba municipal para atender calquera posible incidencia.