A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental determinou que a fábrica de Ence Pontevedra cumpre todos os parámetros esixidos pola autorización ambiental integrada (AAI). Así se desprende do informe de inspección elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dentro do programa de inspección ambiental 2016.
Segundo informaron fontes oficiais de Ence, a inspección realizada nas instalacións da empresa entre os meses de setembro e outubro do pasado ano, sinala que a fábrica de Ence presentou, un ano máis, un grao de cumprimento total todos os parámetros analizados.
A autorización ambiental integrada establece as condicións ambientais necesarias para poder explotar unha instalación industrial, co fin de alcanzar unha máxima protección do medio ambiente no seu conxunto. Para iso, a AAI establece para cada instalación os valores límites baseados nas mellores técnicas dispoñibles así como os plans de vixilancia para todos os aspectos ambientais relevantes.
No caso do centro pontevedrés de Ence, segundo estas mesmas fontes, analizáronse unha vez máis todas as variables ambientais atmosféricas, do chan e augas subterráneas, verteduras líquidas, presión sonora e residuos, entre outras, sen que se producira ningunha desviación sobre os límites establecidos para a fábrica da compañía.
O informe de inspección ambiental da autorización ambiental integrada da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia esta dispoñible na web de Ence.