Medio Ambiente renova a autorización ambiental de Elnosa

Pontevedra
11 de decembro 2017

Elnosa xa non poderá, a partir de hoxe, utilizar mercurio para producir cloro. Pero a Xunta de Galicia deu o visto e prace aos plans da compañía electroquímica para cambiar a súa tecnoloxía e reconverter a súa produción para permanecer en Lourizán. Medio Ambiente concedeu unha nova autorización ambiental para poder aplicar todos estes cambios

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

Elnosa xa non poderá, a partir de hoxe, utilizar mercurio para producir cloro. Pero a Xunta de Galicia deu o visto e prace aos plans da compañía electroquímica para cambiar a súa tecnoloxía e reconverter a súa produción para permanecer en Lourizán. Medio Ambiente concedeu unha nova autorización ambiental para poder aplicar todos estes cambios.

Na súa resolución, Medio Ambiente dá un prazo dun mes para que Elnosa retire todo o mercurio que teñan almacenado nas súas instalacións, polo que entenden que o risco ambiental verase "minimizado" de maneira "case inmediata".

Ademais, o goberno galego tamén establece as condicións que a empresa deberá ter en conta para rehabilitar o lugar no que está situada a fábrica, incluído os chans.

A Xunta asegura que, neste escenario, a revisión da autorización ambiental integrada de Elnosa era un "imperativo legal"

Para adaptase ás esixencias da Unión Europea, que impedía seguir usando mercurio para producir cloro, Elnosa comprométese a desmantelar a tecnoloxía actual das súas instalacións durante o prazo dun ano. Desde hoxe mesmo, iso si, xa deixará de utilizar celas de mercurio nos seus procesos de fabricación.

Segundo o proxecto presentado pola empresa, agora validado con esta decisión da Xunta de Galicia, Elnosa contempla unha primeira fase na que só fabricará hipoclorito sódico a partir de cloro adquirido a terceiros. Unha vez reconvertida a fábrica, coa nova tecnoloxía de membrana esixida pola UE, podería retomar a produción propia de cloro e derivados.

A Xunta asegura que, neste escenario, a revisión da autorización ambiental integrada de Elnosa era un "imperativo legal" co fin de adaptarse á normativa comunitaria.

En todo caso, destacan que esta resolución prodúcese "con independencia" das licenzas, autorizacións e concesións que sexan "preceptivas" a nivel legal para que Elnosa poida manter a súa actividade en Lourizán, entre elas a prórroga que solicitou a Costas para poder seguir ocupando terreos de dominio público marítimo-terrestre como Ence.

Arquivado en