Medio Ambiente instalará sondas nos bombeos da rede de saneamento

Pontevedra
18 de xuño 2015

Trátase dunha actuacións inmediata do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que se completará coa calibración dos bombeos máis importantes e dunha campaña de medición de caudais, para comprobar a magnitude das achegas ás redes

Reunión de traballo para o saneamento da ría
Reunión de traballo para o saneamento da ría / Daniel Santomé

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, avanzou este mércores que a Xunta de Galicia instalará sondas nos bombeos da rede de saneamento de Pontevedra que permitirán coñecer en tempo real a situación da ría.

Así o trasladou na reunión de traballo celebrada na confraría de Pescadores de Lourizán que contou coa asistencia dos patróns maiores do interior da ría, os alcaldes de Marín e Poio e os responsables municipais da área nos concellos de Pontevedra e Vilaboa, ademais de representantes de Viaqua e da Autoridade Portuaria, na que se explicou en que consistirá a redacción do plan de saneamento local da ría de Pontevedra.

Mosqueira sinalou que esta medida é unha das actuacións inminentes, que consistirá nun sistema de telesupervisión do saneamento da ría de Pontevedra cuxos datos se poderán consultar polas mariscadoras por medio dun servidor web, o que lles permitirá comprobar en tempo real (ou diferido) o funcionamento dos distintos bombeos da rede.

Esta medida completarase con outra actuación que consistirá na calibración dos bombeos máis importantes, para comprobar que funcionan correctamente. Ademais analizaranse os datos, facilitados polo Concello de Pontevedra, dos caudalímetros instalados ao longo da súa rede rural para comprobar o grado de infiltración de auga nesas redes.

Por último realizarase unha campaña preliminar de medición de caudais en punto clave da rede e comprobar a magnitude dos vertidos que ocorre.

O director de Augas de Galicia destacou que o Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra articularase cun enfoque similar aos plantexados para as rías de Arousa e O Burgo, polo que se realizará unha primeira fase de coñecemento da rede actual e avaliación do seu funcionamento e dos impactos que producen os alivios da mesma.

Posteriormente, realizaranse campañas de medición de caudais en tempo seco e chuvioso e de analíticas da auga, o que permitirá avanzar nun modelo virtual da rede e da ría, que simulará o seu comportamento actual e a eficacia das diferentes alternativas para corrixir os problemas que se detecten. Finalmente, plantexaranse as propostas de actuación.

Mosqueira Martínez aclarou que, aínda que o plan se centra no sistema de saneamento máis importante da ría -o de Poio-Pontevedra-Marín-, tamén se terá en conta a situación deste servizo nos concellos de Sanxenxo, Bueu e Cangas, na parte máis exterior da ría, e nos de Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo, situados na parte alta da cunca vertente do río Lérez, que tamén pode afectar á ría.

Arquivado en