Medio Ambiente fixa condicións asumibles para ENCE e remite os seus opositores á Audiencia Nacional

Pontevedra
28 de xaneiro 2016

A resolución do Goberno que concede unha prórroga a Ence de 60 anos para continuar coa súa actividade en Lourizán non é firme. Así o indica o escrito no que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorga a nova concesión á pasteira, que remite á Audiencia Nacional a todos aqueles interesados en presentar un recurso contra esta decisión

Fabrica de Ence en Lourizán
Fabrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A resolución do Goberno que concede unha prórroga a Ence de 60 anos para continuar coa súa actividade en Lourizán non é firme. Así o indica o escrito no que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outorga a nova concesión á pasteira, que remite á Audiencia Nacional a todos aqueles interesados en presentar un recurso contra esta decisión.

En concreto, tanto as administracións públicas como as entidades privadas terán un prazo de dous meses para interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución que outorga a Ence esta prórroga, que ha de presentarse ante a correspondente sala da Audiencia Nacional.

Nesta resolución, que ten data do 20 de xaneiro e que foi remitida este xoves ao Concello de Pontevedra, rexeita todas as alegacións presentadas polo goberno municipal contra este expediente e recóllense tamén as condicións baixo as que o Goberno decidiu prorrogar a permanencia de Ence en Lourizán.

A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, por delegación da propia ministra Isabel García Tejerina, indica que Ence poderá dispoñer dunha superficie de 373.524 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre, comprendida entre o ferrocarril de Pontevedra e Marín e a estrada de unión dos portos de Pontevedra e Marín, no termo municipal de Pontevedra.

O prazo da concesión será de 60 anos, comezando o día 8 de novembro de 2013, data na que foi solicitada a prórroga por parte de Ence. Este prazo queda fixado ao cumprimento das obras comprometidas pola empresa para mellorar a eficiencia enerxética, aforro de auga e calidade ambiental, valoradas en 61 millóns de euros. Se non levan a cabo, o prazo reducirase automaticamente a 50 anos.

Ence terá que dar comezo a esas obras no prazo máximo de seis meses, debendo quedar "totalmente terminadas", segundo recolle a resolución de Medio Ambiente, no prazo máximo de dous anos.

Se Ence non cumple as condicións fixadas, a concesión caducará e deberá desmantelar todas as súas instalacións industriais e repoñer os terreos ao seu estado orixinal

A cambio desta concesión, Ence terá que abonar anualmente un canon de 1.575.730,13 euros ao Tesouro Público por ocupar os devanditos terreos, debendo presentar os correspondentes xustificantes de pago no servizo de Costas en Pontevedra.

CONDICIÓNS DA PRÓRROGA

O Goberno fixa tamén unha serie de condicións que Ence deberá cumprir obrigatoriamente, xa que no caso contrario declararase a caducidade da concesión "con independencia da tramitación do expediente sancionador que corresponda", debendo desmantelar todas as súas instalacións industriais e adecuar a parcela onde se situaron as instalacións obxecto desta concesión.

Entre elas, Medio Ambiente lembra a Ence que deberá cumprir "en todo momento" co disposto na súa autorización ambiental integrada, así como as condicións que establezan as futuras normativas tanto nacionais como europeas. Así, a pasteira será responsable dos "danos e prexuízos" que poidan causar "directa ou indirectamente" as actividades autorizadas.

Ademais, obrigan á empresa para eliminar as balsas de seguridade e de regulación, realizando un tratamento de integración nesa zona unha vez retiradas "que sexa acorde" coas actuacións de integración paisaxística previstas para todo o complexo.

Esta resolución advirte a Ence de que será responsable dos "riscos e danos" que se poden producir nos terreos ao ser inundables pola súa propia natureza e que non permitirá "ningún tipo" de vertedura, incluído terras, cascallos, materiais ou produtos xerados polas obras tras as que, unha vez terminadas, deberá realizar unha campaña de limpeza, eliminando a totalidade de restos dos traballos e materiais empregados na súa execución.

Arquivado en