Medio Ambiente compromete 11 millóns de euros en 2016 para sanear a ría

Pontevedra
26 de abril 2016

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse este luns 25 cos representantes das confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, e co presidente da Asociación polo Saneamento da Ría

Xuntanza da conselleira de Medio Ambiente con confrarías da ría de Pontevedra
Xuntanza da conselleira de Medio Ambiente con confrarías da ría de Pontevedra / Xunta de Galicia

Os representantes das confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, ademais do presidente da Asociación polo Saneamento da Ría mantiveron un encontro coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para tratar o problema do saneamento da ría de Pontevedra.

Segundo a representante da Consellería, o seu departamento investirá neste 2016 máis de 11 millóns de euros en catro actuacións para mellorar a situación da ría.

Neste sentido apuntou que se destinarán 1,5 millóns á redacción do plan de saneamento local da ría; 4 millóns serán para as melloras da infraestrutura hidráulica no concello de Marín e, por último, contempla a construción da depuradora de Poio, cun orzamento de 5,7 millóns de euros. Este último proxecto atópase pendente de que o goberno local determine en que lugar se pode construír, segundo apuntan desde a Consellería.

Beatriz Mato tamén indicou que dentro do Plan Hidrolóxico, a través de Fondos europeos Feder, está previsto investir 45 millóns de euros en Praceres, para a ampliación e a mellora da estación depuradora. A este orzamento sumaríanselle os 15 millóns comprometidos por parte da empresa pasteira Ence.

Segundo a Xunta, levan investidos 11,5 millóns de euros en 23 actuacións na ría desde o ano 2009 en diferentes concellos da comarca. Ademais, a conselleira sinala que a depuradora de Praceres conta cun contrato de explotación desde 2007 cun investimento de case 24 millóns. Mato apunta que Pontevedra é a única capital galega na que unha depuradora non é xestionada polo propio concello.

Desde a administración autonómica afirman que Augas de Galicia adxudicará en breve a redacción do Plan de saneamento da ría, que se converterá nunha ferramenta fundamental para mellorar o estado das augas.

A Xunta convocará unha reunión na que quere establecer un encontro entre as diferentes entidades locais para tratar de establecer as fórmulas que permitan resolver a contaminación da ría pontevedresa.

Arquivado en