Medio Ambiente acepta as condicións de Costas para ocupar os terreos da EDAR de Praceres

Pontevedra
14 de maio 2018

Augas de Galicia convoca para o día luns 21 de maio unha reunión da comisión de seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, aos que informará deste trámite e dos pasos a seguir a continuación

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de comunicar a Costas do Estado a súa conformidade coas condicións que se establecen na proposta para o outorgamento da concesión da ocupación dos terreos que actualmente ocupa a depuradora de Praceres en dominio público marítimo terrestre.

Así se traslada nun escrito remitido este luns por Augas de Galicia a Costas do Estado, despois de que o organismo estatal remitise a principios de mes o condicionado previo ao outorgamento da concesión, que nestas semanas Augas de Galicia estivo a analizar.

Deste xeito avánzase un chanzo máis para dar unha resposta á situación na que se atopa a EDAR de Praceres, por estar construída en terreos afectados pola antiga concesión de Ence, declarada parcialmente nula, pois debían dispoñer dunha concesión propia tal e como se está a tramitar agora.

Por outro lado, Augas de Galicia tamén vén de convocar unha nova reunión da comisión de seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, para trasladarlles esta decisión do goberno galego, así como os seguintes trámites necesarios para concluír a regularización da ublicación da Edar.

Agora, Augas de Galicia deberá esperar pola resolución definitiva da concesión por parte de Costas.

Toda vez superado este novo trámite que acredite a regularización da ocupación da actual EDAR, a Xunta poderá rematar o anteproxecto para a mellora da depuradora existente, primeira fase do plan de saneamento co cal se pretende conseguir unha mellora substancial do tratamento que permita cumprir os parámetros esixidos na vixente lexislación de vertidos, sen afectar, polo momento, a novos terreos. A licitación poderá realizarse no momento no que se conte coa resolución de concesión de ocupación e a preceptiva autorización de Costas.

Esperarase tamén a contar coa concesión do actual emisario submarino para poder iniciar os trámites da ocupación do novo emisario cuxo anteproxecto xa está practicamente rematado e a tramitación do resto de permisos para poder licitar o proxecto e a obra. 

Arquivado en