Profesionais médicos do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo alertan de que a saturación do servizo é xa palpable no día a día, cunha presión asistencial equiparable á de antes da pandemia da covid-19. "Recuperamos cifras previas á pandemia e estamos agora con peores pacientes, pacientes máis complexos, e cifras nalgunhas ocasións superiores a 2019", alertan.
Así, por exemplo, o luns pasado no Hospital Montecelo atenderon a 220 pacientes en Urxencias, unha cifra igual á dos "peores días previos á pandemia". A media diaria adoita ser de entre 150 e 160 pacientes, toda xornada con máis de 180 é xa "complicada" e 200 xa implica "un día complicadísimo". Ademais, hai que sumar unha circunstancia especial deste hospital, o "problema de espazo serio" que padecen, aínda que recoñecen que está "en vías de solución" coa construción do Gran Montecelo.
A situación expuxérona este venres no Concello de Pontevedra os responsables do servizo de Urxencias dos hospitais Montecelo e Álvaro Cunqueiro, Javier García Vega e Maite Maza Beira, así como o adxunto do servizo en Montecelo, Jorge Alonso, representante da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) para a provincia de Pontevedra. Os tres profesionais reuníronse co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, con motivo do Día Internacional das Urxencias e as Emerxencias.
O Concello de Pontevedra ilumina a Casa do concello da Praza de España en azul e branco (as cores das urxencias) para conmemorar este día e fai súas as reivindicacións dos profesionais, que este ano centran as súas demandas en reclamar a especialidade de urxencias no MIR e que se garanta unha formación "básica" e "homoxénea" de todos os profesionais deste servizo, que na actualidade queda en mans da autoformación e a vontade de cada facultativo.
A situación é equiparable tanto en Montecelo como no Álvaro Cunqueiro e no resto de hospitais e os profesionais e relaciónana cun mal funcionamento da atención primaria e a paralización que se produciu nos dous últimos anos en moitas especialidades, provocando, segundo Maite Maza, que agora cheguen "enfermes graves en situacións de enfermidade máis avanzada que noutros momentos".
En canto á atención primaria, ten agora un "tempo de demora" que leva ao paciente para acudir a Urxencias e Alonso alerta de que notaron un "aumento da demanda moi importante desde que a primaria está a empeorar aos poucos".
No caso de Montecelo, ademais, segundo Javier García Vega, coa pandemia, "o problema do espazo complicóusenos moitísimo" pola necesidade de crear un circuíto para pacientes con covid-19.
O alcalde de Pontevedra, médico en excedencia no PAC da Parda, comparte a necesidade de que exista as especialidade de Urxencias no MIR, pois actualmente "depende da vontade de formación dos propios médicos que empecen a traballar para especializarse e ter un coñecemento profundo".
Respecto diso, Javier García Vega insiste en que o que eles queren é "ter unha formación regrada para que todos os médicos de Urxencias dos hospitais de España teñan unha formación básica e homoxénea". "Nós queremos darlle ao paciente o mellor e o mellor é que o médico estea formado", engade Jorge Alonso.
Lores tamén cre que a medida de familia "debería estar máis potenciada do que está", pois vive unha situación de "deterioración" con falta de persoal e condicións laborais que están a afectar tamén aos servizos de urxencias.
O colectivo, en palabras de Maite Maza, estivo "moi castigado pola pandemia", cun "nivel de traballo moi duro" ao que, ademais venlle un futuro "complicado" polo aumento da demanda e polo envellecemento do servizo consecuencia directa da "inexistencia de recambio xeracional" pola falta desta especialidade.