Os traballos para a redacción do plan de saneamento da ría de Pontevedra xa están en marcha. A primeira fase deste labor comezou coas tarefas de topografía que se están realizando tanto en terra como en mar.
Na parte terrestre, segundo informa a Xunta, o obxectivo é o levantamento de datos relativos ás redes de colectores de saneamento de Poio, Pontevedra, Marín e a parte de Vilaboa que verte cara á ría de Pontevedra. Recolleranse así a posición exacta e características dos diferentes colectores, así como das estacións de bombeo e outros elementos singulares da rede. Estes datos servirán para a realización dun modelo dixital de toda a rede.
Pola súa banda, na parte mariña dos traballos realízase unha batimetría completa para definir perfectamente a morfoloxía do fondo da ría. Os datos levantados neste traballo servirán para realizar un modelo dixital de toda a ría, que permitirá analizar a circulación da auga na mesma, as súas correntes e o funcionamento do seu ecosistema.
Estas análises terán gran importancia para poder comezar co deseño do novo emisario submarino previsto para a EDAR dos Praceres.
Unha vez desenvolvidos ambos os dous modelos dixitais, poderase simular a incidencia que ten o actual sistema de saneamento e depuracións dos núcleos urbanos sobre ría, os bancos marisqueiros ou as zonas de baño.
O modelo tamén permitirá comprobar a eficacia das actuacións propostas, para dar solución os problemas que se detecten antes da súa execución. Todo isto redundará na realización da aplicación máis eficaz posible dos fondos dispoñibles buscando soluciones integrais e non só puntuais.
O inicio destes traballos do plan de saneamento tamén permitiu xa a toma dalgunha decisión para evitar verteduras da rede de saneamento á ría.
Desta forma, a semana pasada instalouse unha pequena comporta que evita o alivio que se producía próximo á zona de Cocheras cada vez que se poñía en marcha o bombeo que impulsa, dende a marxe contraria da ría, as augas residuais de parte do concello do Poio cara a depuradora de Praceres.