Máximo histórico de poboación en Sanxenxo con 18.089 habitantes

Sanxenxo
24 de novembro 2024

Trátase dun incremento do 13% no que vai de século, con 2.064 novas altas desde o ano 2000, pero lixeiramente inferior ao das décadas dos 80 e 90

Actividade en Sanxenxo con centos de persoas
Actividade en Sanxenxo con centos de persoas / Concello de Sanxenxo

O municipio Sanxenxo alcanzou un novo récord de poboación, chegando aos 18.089 habitantes en novembro de 2024, segundo os últimos datos do padrón.

Este crecemento representa un incremento do 13% no que vai de século, con 2.064 novas altas desde o ano 2000.

Malia que este aumento é significativo, é lixeiramente inferior ao rexistrado nas décadas dos 80 e 90, cando se sumaron 2.872 novos veciños.

O saldo vexetativo do último dato dispoñible, correspondente a 2022, é negativo con 164 mortes fronte a só 90 nacementos, pero o crecemento poboacional débese principalmente á chegada de persoas doutros lugares.

Do total da poboación, o 63% son nados en Sanxenxo, o 20,48% provén doutros puntos da provincia de Pontevedra, o 4,62% do resto de Galicia, o 4,22% do resto de España, e o 7,67% son estranxeiros.

O goberno local pretende alcanzar a cifra dos 20.000 habitantes. Ese logro permitiría, segundo o goberno local, aumentar significativamente os fondos económicos que o Estado achega ao municipio.

Desde o equipo de goberno indícan que a aposta para ese aumento se vai centrar en mellorar os servizos e facilitar o asentamento de actividades económicas, co obxectivo de atraer e manter poboación durante todo o ano.