Mércores 14 de agosto. Pontevedra chega ao ecuador da súa Semana Grande de festas da Peregrina 2013. Deixou atrás xa actuacións musicais, animación na rúa, espectáculos infantís, verbena e unha cidade chea de xente e está xa inmersa nunha recta final de celebracións que este mércores encherá as rúas da cidade de maxia, mel e música. Moita música.
A primeira actividade festiva da xornada será ás 10.00, hora de apertura dos postos da Feira do Mel que se celebra na rúa Serra. Ata as 14.00 horas pola mañá e de 18.00 a 22.00 horas pola tarde apicultores e colectores ofrecerán o seu produto ao público. Ademais, este mércores hai programada ás 19.30 horas un obradoiro de extración de mel co que os que se acheguen ata a carpa poderán coñecer a verdadeira orixe deste produto.
No resto da cidade o día comezará coa actuación do grupo Dolmen nas prazas e rúas da cidade a partir das 12.00 horas e non rematará ata pasada a media noite con concerto na Praza de España e verbena na avenida de Monteiro Ríos.
A partir das 13.00 pola mañá e das 18.00 horas pola tarde a charanga Apeles encargarase de facer un pasacalles por todo o centro capitalino e a partir das 19.30 será a hora dos máis pequenos coa actuación de maxia do ilusionista Pedro Volta. Presentará 'Abraiante' na praza do Teucro.
A noite inauguraraa o festival de corais que, a partir das 21.00 horas, congregará na praza da Ferrería ás corais Polifónica de Pontecesures, Bela Helenes, Polifónica de Soutomaior, Alameda, Coral de Poio e Voces Amigas de Mourente.
A partir das 22.30 horas a música chegará tamén á praza de España co concerto conxunto da Banda de Música de Pontevedra con Son de Seu e Fiadeiro e a partir das 22.45 será a hora da verbena en Montero Ríos. Este mércores correrá a cargo das orquestras Alabama Espectáculo e Xoldra.
A xornada festiva chega despois dun martes 13 no que Pontevedra se abarrotou con pasacalles, a actuación do grupo Os de Mourente, a Batalla de Flores, o espectáculo teatral de Arume, o concerto da boleros da Banda de Música de Pontevedra e, como acto máis multitudinario da xornada, o festival infantil Brincabolechas na praza de España.