Mauro ía ser un agasallo de Reis, adiantouse nun parto "rapidísimo" e converteuse no primeiro galego de 2025

Pontevedra
01 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:41

Ás 00.17 horas naceu no Hospital Provincial Mauro Estévez Álvarez, que levou primeiro o apelido da súa nai por "sorteo". Será pontevedrés "de cepa". Os seus pais, "de adopción"

Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, cos seus pais, Andrea Estévez e César Álvarez
Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, cos seus pais, Andrea Estévez e César Álvarez /

Andrea Estévez Fernández e César Álvarez García esperaban o seu primeiro fillo para o día de Reis, pero o 31 de decembro ás sete da tarde ela púxose de parto e, tras un nacemento "rapidísimo" no Hospital Provincial, adiantouse e acabou converténdose no primeiro bebé nado en Galicia en 2025.

Eran as 00.17 horas deste mércores 1 de xaneiro cando naceu no Hospital Provincial de Pontevedra o pequeno Mauro Estévez Álvarez.

Chámase Mauro tras un longo proceso de procura de nome -"non eramos capaces de tomar unha decisión", recoñecen-. Finalmente, decantáronse por este porque lles pareceu "moi bonito" e "moi doce" e porque buscaban un nome clásico, escapando dos máis modernos que se adoitan pór na actualidade. Ademais, están contentos de contribuír a que perdure, pois "parece que se está perdendo".

Non había ningún Mauro até agora na familia, na que é o primeiro fillo, primeiro neto e primeiro sobriño por parte de nai, pero xa ten dous curmáns por parte de pai, de 5 e 8 anos, que lle regalaron o boneco co seu nome que o acompañou desde a súa chegada ao berce do hospital e que están "a desexar coñecelo".

Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, cos seus pais, Andrea Estévez e César Álvarez
Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, cos seus pais, Andrea Estévez e César ÁlvarezCristina Saiz

En canto aos apelidos, leva primeiro o da súa nai e despois o do seu pai. Foi "por sorteo", pois os apelidos de ambos son "comúns" e decidiron botalo a sortes.

Ao ser o primeiro bebé galego do ano, a expectación mediática invadiu a habitación desta familia pontevedresa no Provincial. Pasaran pouco máis de doce horas desde o parto cando unha nube de cámaras e flashes empezou a retratar a Mauro.

A nai recoñeceu estar "súper ben", moi contenta tras un "embarazo marabilloso" e un parto "visto e non visto". Algo que non entraba nos seus plans dado que é nai primeiriza.

Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, nado no Hospital Provincial
Mauro Estévez Álvarez, primeiro bebé do ano en Galicia, nado non Hospital ProvincialCristina Saiz

"Ninguén contaba que iso puidese pasar e cando nos demos conta, case non podía nin porme a epidural", relata. Ingresou ás sete da tarde e ás 23.45 pareceu que Mauro saía, pero finalmente resistiuse "un pelín". Xusto cando a cambiaron desde a cama de hospitalización á do paritorio, deron as doce.

Acabou nacendo ás 00.17 e a casualidade fixo que en ningún hospital galego nacese antes ningún bebé. "Convertémonos nos primeiros do ano e nin contabamos", recoñecen, sobre todo, porque esperaban ao pequeno Mauro para o día 6.

Cando souberon que nacería en Reis, pensaron que non lles gustaba o día porque tiña "moito trafego", pero finalmente o trafego viviuse igualmente, en forma de medios de comunicación.

Cando tocaba tomar as uvas, eles estaban coa matrona, a xinecóloga e todo o persoal do Hospital Provincial, que "se portaron estupendamente connosco". Agradecen "un trato estupendo" e non lamentan quedar sen badaladas, pois "mereceu a pena".

Os pais están "moi contentos" e o neno, "moi tranquilo". Pesou 3,060 quilos, mediu 47 centímetros e o seu pai destaca orgulloso que puido presenciar o parto e cortar o cordón umbilical.

Ningún esquecerá este día no que se converteron en pais e a súa fotografía chegou a todos os medios de comunicación.

Agora xa pensan na súa nova vida, que estará en Pontevedra. Ela ten 37 anos e é natural de Ponteareas. El ten 38 e procede de Salvaterra de Miño. Pero desde 2013 son "pontevedreses de adopción", pois chegaron á cidade por traballo e quedaron. Ela é a arquitecta municipal da Lama e el director da oficina do grupo Isonor en Pontevedra.

O pequeno Mauro será "pontevedrés de cepa", pois naceu e empadroarase na cidade. Ademais, lembra a súa nai que ten "un nome moi pontevedrés", en alusió ao barrio de San Mauro.