Mata a coiteladas ao marido da súa ex noiva

Ponte Caldelas
28 de novembro 2015
Actualizado: 18:27

Consternación en Ponte Caldelas. Un terrible crime, ocorrido á primeira hora deste sábado, sacudiu a todo o municipio. A Garda Civil detivo un mozo de 33 anos e veciño de Xustáns, como presunto autor da morte a coiteladas do marido da súa ex moza. O falecido é Manuel Rivas Muíños, un home de 39 anos moi coñecido na localidade pontevedresa

O detido polo crime de Ponte Caldelas, tapado dentro do coche, sendo trasladado pola Garda Civil
O detido polo crime de Ponte Caldelas, tapado dentro do coche, sendo trasladado pola Garda Civil / PontevedraViva

Consternación en Ponte Caldelas. Un terrible crime, ocorrido á primeira hora deste sábado, sacudiu a todo o municipio. A Garda Civil detivo un mozo de 33 anos e veciño de Xustáns, como presunto autor da morte a coiteladas do marido da súa ex moza. O falecido é Manuel Rivas Muíños, un home de 39 anos moi coñecido na localidade pontevedresa.

O suceso produciuse ao redor das nove da mañá. Segundo fontes da investigación, o agresor, que se atopaba no rellano do domicilio da parella -situado na rúa México-, esperou a que o home saíse da casa. Foi entón cando, tras manter unha forte discusión con el, apuñalouno en reiteradas ocasións causándolle a morte.  

Tras cometer o crime, o mozo fuxiu do lugar. Posteriormente, el mesmo chamou á Garda Civil para confesar o ocorrido e dicir onde se atopaba. Pouco despois, os axentes detíñano nas proximidades da praia fluvial da Calzada. 

Ao lugar do homicidio trasladáronse varias ambulancias do 061. Unha delas levou á muller da vítima a un centro hospitalario, ao sufrir unha crise de ansiedade.

Ademais, os facultativos tamén tiveron que atender á nai do falecido, que recibiu a tráxica noticia da morte do seu fillo a través do alcalde do municipio, Andrés Díaz; e ao propio detido, que ten problemas de asma.

Despois de que os axentes da Policía Xudicial inspeccionasen a escena do crime, a xuíza autorizou o levantamento do cadáver pasadas as tres e media da tarde.

O detido, que foi trasladado ao cuartel da Garda Civil de Ponte Caldelas -situado apenas a 300 metros da vivenda na que tivo lugar o crime- e posteriormente a Pontevedra, será posto a disposición xudicial nas próximas horas.

CRIME POR CELOS

Todo apunta, segundo estas mesmas fontes, a que se trata dun crime paixonal.

A vítima, que rexentaba unha tenda de embutidos en Arcade (Soutomaior), separouse da súa muller hai máis dun ano. Ela iniciara unha relación sentimental co detido, que ten un negocio de barbería tamén nesa mesma localidade. Pero recentemente, o matrimonio decidira darse unha segunda oportunidade, algo que ao presunto homicida molestaba profundamente.

De feito, segundo relatou a nai do falecido á Garda Civil, este sentíase ameazado polo detido, cualificado polos veciños do municipio como unha persoa "conflitiva e trastornada". Aínda que non presentara denuncia contra el, manifestara aos seus achegados a inquietude que lle causaba a el e á súa esposa as continuas ameazas recibidas, chegando mesmo a responsabilizalo de ter picado recentemente as rodas do seu coche.