Masiva protesta en Moraña pola falta de médicos no centro de saúde

Umia
25 de novembro 2022

Uns 300 veciños e veciñas acudiron á concentración diante da Casa Consistorial para denunciar "a grave situación da sanidade no centro de saúde, que continúa sen ningún dos tres médicos que debería ter"

Concentración en Moraña pola falta de médicos no centro de saúde
Concentración en Moraña pola falta de médicos no centro de saúde

As mobilizacións en protesta pola situación da sanidade nos centros de saúde continúan por toda Galicia. 

A última en celebrarse foi a deste xoves á noite no Concello de Moraña, convocada "con carácter de urxencia" polo BNG tras recibir varias denuncias de veciños avisando de que non había atención médica no centro de saúde.

Aínda que a convocatoria realizouse apenas 24 horas antes, uns 300 veciños e veciñas acudiron á concentración diante da Casa Consistorial para denunciar "a grave situación da sanidade no centro de saúde, que continúa sen ningún dos tres médicos que debería ter".

Os asistentes reclamaron máis médicos para Moraña, o fin dos recortes no centro de saúde ou a decisión do Partido Popular de ampliar o edificio cunha "gran partida orzamentaria sen ter apenas persoal dentro actualmente que poida realizar unha atención sanitaria digna".

No acto interveu Beatriz Vázquez, enfermeira do Sergas no Hospital Provincial e veciña da zona, que animou a seguir denunciando esta situación e agradeceu o apoio que teñen os sanitarios por parte da sociedade.

Pola súa banda o voceiro do BNG, Marcos Suárez, lembrou que esta era a cuarta mobilización en menos dun ano porque "seguimos nunha situación intolerable e non nos merecemos este maltrato sistemático por parte da Xunta e do Sergas", e engadiu que o pasado mes de abril o Conselleiro de Sanidade visitou Moraña e comprometeuse a "incrementar o persoal e realizar obras de mellora no centro de saúde", en outubro dixo que "contaríamos cun médicos máis e ningunha destas promesas se cumpriron a día de hoxe".

RESPOSTA DA XUNTA

Ante esta situación, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adiantou que "garante a cobertura médica de Atención Primaria no Concello de Moraña" e incorporará precisamente este mesmo venres á tarde un facultativo máis á actual dotación, "que pasará a contar cun cadro de tres efectivos de medicina Familiar e comunitaria".

Este novo facultativo, indican que desenvolverá a súa actividade "en horario de 8 a 15 horas de luns a venres, complementando a atención de Enfermaría, PSX e a atención pediátrica con referencia no centro de saúde de Caldas de Reis".

"A disponibilidade operativa de Atención Primaria en Moraña destes tres facultativos ten nestes intres provisionalmente a un deles de baixa, outro dos médicos no seu período regulado vacacional ata o vindeiro 9 de decembro e o terceiro médico en activo desde o venres 25 pola tarde", lamentan.