Masiva protesta en Carballedo polo peche da sucursal de Abanca

Cerdedo-Cotobade
16 de xullo 2021

Centos de persoas secundaron en Carballedo a mobilización convocada para protestar pola decisión de Abanca de pechar quince oficinas bancarias na provincia de Pontevedra, entre elas a que está situada na Praza da Chan, na capital de Cerdedo-Cotobade

Protesta en Carballedo polo peche de Abanca
Protesta en Carballedo polo peche de Abanca / Concello de Cerdedo-Cotobade

Centos de persoas secundaron en Carballedo a mobilización convocada para protestar pola decisión de Abanca de pechar quince oficinas bancarias na provincia de Pontevedra, entre elas a que está situada na Praza da Chan, na capital de Cerdedo-Cotobade.

Os concentrados portaban carteis co lema "Abanca non se pecha" e mantiveron a súa protesta diante da sucursal durante espazo de 45 minutos.

Á concentración, ademais de todos os grupos políticos da corporación municipal, asistiron edís de Campo Lameiro ou Ponte Caldelas e diversos deputados provinciais.

Na súa intervención, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sinalou que se Abanca non reconsidera unha decisión que "atenta contra o desenvolvemento dos nosos pobos", o goberno explorará novas alternativas "para que non quedemos sen oficina bancaria"

Tras asegurar que "seguiremos presionando e dialogando sen renunciar a nada", Cubela engadiu que esta "traizón" aos veciños de Cerdedo-Cotobade "nin a perdoamos nin a esquecemos", porque "se eles non contan con nós, nós tampouco o faremos con eles".