Máscaras por alimentos para combater todas as ameazas do coronavirus

Pontevedra
07 de abril 2020

A familia de Adriana Briñón traballa en cadea na confección de máscaras protectoras que entregan de forma altruísta a centros sanitarios e a empresas que prestan servizos esenciais. Como moeda de cambio, solicitarán agora alimentos non perecedoiros que doarán a Cruz Vermella

A familia de Adriana  Briñón confecciona e doa máscaras protectoras a profesionais
A familia de Adriana Briñón confecciona e doa máscaras protectoras a profesionais /

A crise sanitaria está a provocar unha avalancha de solidariedade en todos os recunchos do mundo. E en Pontevedra son numerosas as familias e empresas que están a achegar o seu gran de area na loita contra a pandemia.

É o caso de Adriana Briñón, que en lugar de quedarse na casa esperando a que pase o temporal puxo a toda a súa familia a elaborar máscaras protectoras que xa chegaron aos principais centros sanitarios da cidade e a diversos establecementos comerciais que agora desenvolven a súa actividade dun modo máis seguro.

"Empezamos a fabricalas hai unha semana, o meu marido ten unha empresa de eventos (Global Eventos) e está sen actividade así que utilizamos o material para fabricalas", explica Briñón, que tamén colabora de forma habitual co ANPA de Barcelos. Na confección destes utensilios de autoprotección, elaboraron xa preto dun milleiro, colaboran todos os membros da familia. "Estamos o meu marido, os meus dous fillos, o meu afillado e eu. Facemos unha cadea", explica.

Da repartición destas máscaras ocúpase Protección Civil, que acode ao domicilio familiar para recollelas e entregalas no seu lugar de destino. Xa chegaron ao Hospital Provincial, a Montecelo, ao centro de saúde da Parda, a unha residencia de maiores e mesmo á panadería dun persoa con diabetes en Vigo. "A través do boca a boca ou por Facebook", explica Briñón como contactan con eles os interesados en dispoñer destas máscaras, aínda que moitas veces son os propios artesáns os que ofrecen os seus produtos a traballadores que poderían necesitalas.

Co obxectivo de prestar un servizo aínda máis amplo á sociedade, a familia pensou esta fin de semana en axudar tamén a persoas que teñen que afrontar a loita contra o virus sen traballo e con problemas económicos. Por iso propoñen un sistema de troco a través do cal as persoas que reciban as máscaras entreguen a cambio alimentos non perecedoiros, que Briñón e os seus doará a Cruz Vermella e tamén aos propios traballadores da súa empresa, que non saben cando poderán volver traballar.

A súa solidariedade xera máis solidariedade. Durante o proceso de fabricación quedaron en dúas ocasións sen belcro e sen grampas para confeccionar as súas máscaras e en poucas horas, unha mercería de Combarro e unha asesoría fíxolles chegar estas materias para renovar a cadea.

Poucas conclusións positivas pódense extraer dunha desgraza como a que está a arrasar todo o mundo, pero si que hai lugar para a aprendizaxe. "Aos nenos axudaralle a ser mellor persoas e a ser máis solidarios", afirma Adriana Briñón, entusiasmada coa predisposición e traballo dos seus fillos á hora de formar parte desta iniciativa.