Os veciños de Campo Lameiro iniciaron a semana coa normalidade que permiten as medidas de confinamento decretadas polo Goberno. Visitas ao supermercado, xestións no banco e paradas na farmacia foron algúns dos recados realizados este luns, pero había unha diferenza notable coa semana anterior: todos os habitantes lucían máscaras nos seus rostros.
O goberno local, grazas á colaboración do empresario local Rogelio Reboredo, repartiu máis de 4.500 elementos de protección entre a poboación ao longo da fin de semana. E o que non dispoña delas aínda, pode conseguilas cunha chamada telefónica ás oficinas municipais (986 75 20 34).
A idea partiu do alcalde Carlos Costa, que acudiu á tapicería de Reboredo, A Nosa Tapicería, para sondar a posibilidade de reconfigurar as máquinas para produccir máscaras de autoprotección. O tapicero aceptou e púxose ao choio para fabricar estes elementos que axudarán aos veciños para previr os contagios e evitar a propagación do virus na comarca.
Noutro alarde de solidariedade, a empresa Agrocampo doou ao Concello 100 litros de lixivia para a deinfección das vías públicas do municipio. Desde que se decretou o estado de alarma, os operarios municipais están desinfectando de forma periódica aqueles lugares públicos de maior tránsito de persoas.